CRÓNICA DUNHA REMONTADA IMPROBÁBEL - (adeus)
Declaración de amor
Nunha das mellores historias do Alfanuhí, Ferlosio relata como un home saiu cos seus bois arando un suco, trazou o rego durante anos e vales e montañas até que un día chegou o mar, vendeu os bois e regresou camiño da casa seguindo o rego…
*
Fernando Vázquez fixo unha descarnada declaración de amor polo Deportivo o día que o club lle fechaba definitivamente a porta.
*
Fernando Vázquez namorou do Deportivo cando era un neno. “Despois, como profesional, ganeille moitas veces. No fondo, o que estaba facendo era chamar a atención do Deportivo”, dixo este venres na rolda de prensa da súa despedida.
*
Fernando Vázquez quixo converter o club dos seus amores no club que sempre soñou: grande, moderno, innovador… apegado á afección e á canteira. Vázquez idealizou o Deportivo como calquera namorado idealiza o obxecto do seu amor.
*
“O fútbol é canteira”, deixou dito Vázquez. A canteira foise perdendo no Dépor e a día de hoxe aínda está por reconstruír.
*
Vázquez soñou un fútbol galego baseado na canteira, no produto dun país que leva xeracións tratando de sacarse de enriba os complexos do colonizado.
*
Un adestrador que soña cara onde ten que camiñar un club é, en calquera caso, un adestrador que se ocupa de asuntos que non lle competen e que o poden levar a descoidar as súas obrigas.
*
Mais Vázquez non é un adestrador común. En moitos sentidos, é un home de fútbol. E os homes de fútbol (Cruyff, por exemplo) entenden os clubs como un todo, dinámico mais controlábel.
*
Os homes de fútbol son singulares. En Vázquez, a fe no fútbol conxúgase coa fe na ciencia. E deron lugar a un visionario.
*
Quen senón pode recibir unha labazada do amor da súa vida e saír pola porta dicindo: “Seremos grandes se estamos unidos”?
*
A quen lle fala Fernando Vázquez? Fálalle os afeccionados, o fútbol base, os nenos que soñan con xogar un día no Deportivo.
*
E exixe que os soños se fixen por norma. Con cotas sobre a porcentaxe de futbolistas da canteira que deben participar no primeiro equipo. “Para poderlles dicir aos rapaces: se xogas nos xuvenís, chegarás ao primeiro equipo”.
*
Un visionario é sempre un tipo incómodo, obsesivo. Un visionario con carisma é un perigo.
*
Falando claro, un tipo que cuestiona a estratexia das elites locais para enfrontar mediante o fútbol ás dúas grandes cidades galegas. Ou que non participa do xogo hipócrita de consentir o poder que agoche o maior símbolo deportivo de identidade. Un tipo así non respecta as xerarquías…
*
Mais a Vázquez, no Deportivo, non o tomban as elites xerentes do fútbol e da realidade. Tómbao a preguiza e a miseria dunha estrutura que el pensou que era o principio de algo e resulta que é o final de todo.
*
“Este é o final da súa carreira?”, cuestionou este xornal ao adestrador. “Non o sei, terei que pensalo”.
*
Vázquez, o noso heroe tráxico da remontada improbábel, vaise para non volver (iso parece). Vaise derrotado e desenganado. Mais só el entende a profundidade desta derrota. Coa porta da casa fechada.
#CrónicaRemontada