Acampa 2017
Acampa arranca con forza e moita ilusión
O evento que reivindica a paz e o dereito a refuxio comeza con afluencia masiva das organizacións e colectivos implicados na xustiza social.
A xornalista Patricia Simón, da que mañá publicaremos a entrevista que concedeu a Entre Nós, di que Acampa demostra que “a cidadanía organizada é capaz de dedicar tempo e talento para pór en evidencia que a clase política está a desobedecer o mandato, porque a maioría social pide que se axude aos refuxiados”.
Así arrancou esta mañá Acampa, coas cousas ben claras e os pequenos cambios de última hora nun evento que move moita xente e pretende remover conciencias. O obxectivo explícito desde o primeiro día, segundo repetiu Xosé Abad, coa camiseta vermella, “un voluntario máis”, dixo o home que soñou con un día así, luminoso e con todos eses persoeiros aí, escoitando antes de poñerse a falar, e que sigue soñando con que eses poderes, tan amplamente representados esta mañá, sexan quen de cumprir un dos soños de Acampa: que se axude aos refuxiados.
Decenas de organizacións que fan bandeira da loita pola xustiza social estaban alí. Os partidos da esquerda clásica e renovada, o PSOE, o BNG, Esquerda Unida, Podemos, os máis pequenos, Vangarda Obreira, que repartía panfletos; os sindicatos, as organizacións non gobernamentais (Aire, Ecos do Sur, SOS Racismo, Ecodesarrollo Gaia…), movementos de emerxencia coma a Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas, movementos con pouso, Amnistía Internacional, a CRMH cunha tenda doutros campos, dos campos franceses de hai oitenta anos. Vellos coñecidos da rúa. Xente que comparte espazos transitorios.
Outro dos soños de Acampa e chegar a converterse nun espazo perenne, “de colaboración, intercambio de información, debate e acción conxunta”, como pide Abad. Para que esa cidadanía organizada siga tendo forza cando rematan as eleccións.
Amah Matar e Leticia, inseparábeis, escoitaban a Abad, e aplaudían. El falará o sábado da súa experiencia como refuxiado nos campos gregos. Hoxe, a primeira versión do horror das guerras chegou da man dos fotógrafos, das poderosas imaxes de Javier Bauluz, por exemplo, que mudaron a cara dos Cantóns. Houbo festa pola mañá, globos vermellos que estouparon en honra dos ausentes, os refuxiados. E o programa chegará esta mesma noite ás Cunchiñas (22.00 horas, coa proxección de fotos de Juan Medina e Sergi Cámara).