Acampa 2017

Dez citas (e algunha outra) ás que non podes fallar en Acampa

Estas son unhas recomendacións para un itinerario polas actividades do Acampa, máis de sesenta actos concentrados en catro días.

Dez citas (e algunha outra) ás que non podes fallar en Acampa
Ahmad Matar refuxiado sirio
Ahmad Matar, refuxiado sirio.

UNHA. Empezamos polo final, ou case… a testemuña de Ahmad Matar, refuxiado sirio que foi acollido por unha familia na Coruña. Fala da súa experiencia directa en tres campamentos de refuxiados en Grecia, entre eles, o de Idomeni. Estará acompañado por Fadile Tibisay Chami, tamén siria, activista polos dereitos humanos. Con eles, Xurxo Souto tratará de debuxar o momento actual da crise humanitaria que se vive na rexión. Fadile Tibisay Chami falará tamén antes, o venres (18.00 horas) na Carpa central.

Domingo, 11.00 horas na Carpa central nos Xardíns de Méndez Núñez.


DÚAS. Entre as 13 exposicións de fotografía que ofrece o Acampa, hai unha, a de Javier Bauluz, con imaxes en gran formato, que dá conta do sufrimento e da coraxe a partir de historias das viaxes dos refuxiados. Estará desde mañá mesmo nun paseo entre  o Obelisco, A Mariña e a Porta Real.

Do 15 de xuño ao 25 de xullo. Obelisco, A Mariña e a Porta Real. Buscando refuxio para os meus fillos.


Marzaki

TRES. Seguimos con exposicións. Neste caso, as fotos de Carolina Santos Noval. Fala doutro aspecto desta crise humanitaria global. Xa sabedes, 65 millóns de persoas desprazadas pola violencia ou a fame. Carolina estivo no Corno de África, en Djibouti, recollendo imaxes do campo de Markazi para documentar outro punto desta xeografía da infamia.    

Sábado, 13.00 horas na A. C. Alexandre Bóveda (rúa Olmos) Inauguración da exposición que poderá visitarse até o día 30 de xuño. Marzaki.


CATRO. Haberá visitas guiadas ao campamento montado con material traído desde os campo de refuxiados. As visitas comezarán o mesmo xoves pola tarde, pero convén anotar as horas e as datas para coller sitio. Hai cinco quendas.

Visitas guiadas polo campamento. Xoves (17.00 horas) , venres (12.00 e 17.00), sábado (12.00, 17.00) e domingo (12.00).   


Debuxo KAWA

CINCO. Os debuxos de Kawa, dos que fala Xosé Abad nesta entrevista con Entre Nós, poderán verse na Casa Museo Casares Quiroga desde o sábado. Kawa, conta Abad, é un refuxiado que “nun estilo Chumy Chúmez” vai retratando o día a día dos campos en papeis que regala a todo aquel que pase pola súa tenda.   

Do 17 ao 30 de xuño na Casares Quiroga (rúa Panaderas). Debuxos de campo de Katsikas.


SEIS. Esteban Beltrán, director de Amnistía Internacional Sección Española, e Olga Rodríguez, xornalista especializada en información internacional, ofrecerán unha das conferencias máis esperadas do Acampa. Falarán de dereitos humanos e do manto de silencio que agocha moitos conflitos. Por certo, outra xornalista, Patricia Simón, ten previsto impartir o sábado dous obradoiros no Centro cívico da Cidade Vella. É precisa a inscrición. O da mañá, Xornalismo para a transformación e o coidado social, vai dirixido a profesionais.

Venres, 20.00 horas na Carpa central nos Xardíns de Méndez Núñez.


SETE. Tres citas na Praza das Cunchiñas, na praza do mundo da Agra do Orzán. Proxectaranse fotografías e haberá ocasión de conversar cos fotógrafos. O xoves será a quenda de Juan Medina e Sergi Cámara. O venres partillarán experiencias eles dous en compañía de Bauluz, Aba, García Vilanova, Juan Teixeira, Felipe Carnotto e Adrián Irago. O sábado, co mesmo horario, estarán Bauluz e García Vilanova.

Xoves, 22.00 horas na Praza das Cunchiñas.

Venres, 22.00 horas na Praza das Cunchiñas.

Sábado, 22.00 horas na Praza das Cunchiñas.


Manuel Rivas

OITO. Un sábado de Acampa dá para moito -9 actividades pola mañá, 13 pola tarde-, pero sen moverse da Carpa central podedes escoitar a Manolo Rivas falando de xornalismo e construción de conflitos e, antes, unha explicación desde o punto de vista da legalidade internacional do que está sucedendo cos refuxiados.

Sábado, 18.00 horas na Carpa central nos Xardíns de Méndez Núñez. Noelia García (Médicos sen Fronteiras ) e Jorge Quindimil (USC).

Sábado, 20.00 horas na Carpa central nos Xardíns de Méndez Núñez. Manuel Rivas: “Como se constrúe un conflito bélico. Xeopolítica, as relacións internacionais e cuestións militares”.


NOVE. O home que argallou todo isto, Xosé Abad, ben merece unha visita á exposición das súas fotografías, porque foron elas, o que viu e o sentimento que lle produciron esas imaxes, as que deron lugar ao Acampa. Abad encadra o sufrimento desde un punto de vista que resulta próximo, o da familia.

Do 15 de xuño ao 25 de xullo no Kiosco Alfonso. Polo menos salvar a familia.


Astral

DEZ. Como peche, o domingo, antes do concerto de César Morán, outra testemuña imprescindible, a de Proactive Open Arms (falta por confirmarse o nome da poñente). Esta é unha organización que se ocupa no rescate de persoas que tratan de cruzar o Mediterráneo en busca de refuxio en Europa. O magnífico documental Astral deu a coñecer en todo o Estado esta problemática. Astral proxectarase no Acampa (o sábado ás seis da tarde no Centro Cívico da Cidade Vella).     

Domingo, 12.00 horas na Carpa central nos Xardíns de Méndez Núñez.


 

Dez citas (e algunha outra) ás que non podes fallar en Acampa