Acampa pola paz e o dereito a refuxio
Acampa Brasil: “Queremos convidar moitas persoas para pensar xuntas e transformar realidades”
As exposicións fotográficas, con imaxes dos fotoperiodistas e documentalistas humanitarios Hanna Jarzabek (Polonia), os españois Nuria López Torres, Óscar Corral e Javier Bernardo, o brasileiro Rafael Fernando e o venezolano Francisco Elías Prado seguirán expostas ata o último día do mes e é posible que despois se trasladen a algún outro espazo público da cidade.
A Coruña, 3 de outubro de 2023.- Desde o domingo uno de outubro a sede do SESC de Piracicaba, en Brasil, acolle o II Encontro Internacional Acampa pola Paz organizado para reflexionar ao redor do Odio e a Convivencia. Un ano máis, o equipo da Rede Acampa Brasil, encabezado pola súa coordinadora, a profesora Célia Regina Rossi, conseguiu levar ata esa cidade un intenso programa no que asomar e debater sobre a realidade dos Dereitos Humanos e as ameazas que estes sofren en distintas partes do mundo. De novo é o SESC a entidade que patrocina e dá acubillo ao Encontro, nunha sede multifuncional pola que pasan miles de persoas que, nestes días, poderán participar nesta proposta concienciadora.
Pollyanna Dibbern Asbahr, a responsable de programación do SESC de Piracicaba, explica a implicación desta entidade na proposta de Rede Acampa. “Somos conscientes dos fluxos migratorios globais e cremos no potencial de transformación que teñen os intercambios, polo que apoiando este encontro estamos a promover a reflexión sobre o tema, achegándonos á urxencia de resolver os problemas dos refuxiados e as persoas en situación de refuxio no noso territorio, xa sexa a través da arte ou o diálogo”. O encontro, engade, “é unha oportunidade para reunir a institucións, organizacións e gobernos locais para discutir políticas públicas de acollida e inclusión, ademais de mostrar a todos que o SESC é un lugar aberto para acoller e promover a cultura no territorio”.
“Odio ou Convivencia” inclúe no seu programa mostras fotográficas, conferencias con especialistas, testemuños de persoas refuxiadas vítimas do odio, obradoiros, espectáculos infantís…
As exposicións fotográficas, con imaxes dos fotoperiodistas e documentalistas humanitarios Hanna Jarzabek (Polonia), os españois Nuria López Torres, Óscar Corral e Javier Bernardo, o brasileiro Rafael Fernando e o venezolano Francisco Elías Prado ocupan boa parte dos espazos de tránsito do SESC. Alí permanecerán expostas ata o último día do mes e é posible que despois se trasladen a algún outro espazo público da cidade.
SESC, máis de 70 anos ao servizo dos traballadores
O SESC (Servizo Social do Comercio) é unha entidade que ten como obxectivo brindar benestar e calidade de vida aos traballadores deste sector e ás súas familias. Trátase dunha organización mantida por empresarios do comercio de bens, turismo e servizos, que desde hai xa uns anos apostou pola cultura e a educación para a transformación social. Actualmente está presente en todo Brasil e só no estado de Sao Paulo conta cunha rede de 43 unidades operativas – centros dedicados á cultura, o deporte, a saúde e a nutrición, o desenvolvemento infantil e xuvenil, a terceira idade, o turismo social e outras áreas de actividade…
Segundo explica a responsable de programación da entidade, Pollyanna Dibbern “traballamos con escolas públicas, potenciamos o recoñecemento social da produción artesanal e local e operamos noutras moitas frontes como Mesa Brasil, unha iniciativa de acción social permanente baseada no principio de que a alimentación é un dereito de todos”. Na Mesa Brasil Sesc São Paulo, integrada por empresas, institucións e voluntarios, “temos por obxectivo reducir o desperdicio de alimentos e a inseguridade alimentaria e nutricional”. O Programa componse de distintas accións, engade; “a denominada Colleita Urbana consiste nun servizo estratéxico de recolección e distribución, establecendo vínculos entre empresas que doan alimentos que xa non teñen valor comercial, pero si son aptos para o consumo, e institucións sociais que reciben ditas doazóns”. Noutras palabras, resume Dibbern, “buscamos onde hai excedente e entregamos onde falta, agregando valor nutricional ás comidas servidas nas institucións e evitando o desperdicio de alimentos”.