Acampa pola paz e o dereito a refuxio
A activista Marina Dos Santos, membro da Dirección Nacional do MST brasileiro, asistirá ao V Encontro Internacional Acampa A Coruña
Estará tamén no cadro de asistentes o xornalista Nicolás Castellano, especializado en contidos sobre migracións forzosas e crises humanitarias, cuxo traballo avalan recoñecementos como o Premio Periodismo Humano 2013, a Medalla de Ouro da Cruz Vermella ou o Premio Dereitos Humanos do Consello Xeral da Avogacía Española
A Coruña, 16 de agosto de 2021.- A situación sanitaria provocada pola pandemia non o fai fácil. Aínda así, a lista de confirmacións para asistir ao Encontro Internacional Acampa A Coruña (9,10 e 11 de setembro) ten dous novos nomes. Un deles, o da activista Marina dos Santos, membro da dirección nacional do Movimento de Trabalhadores Sem Terra (MST) de Brasil. Dos Santos será a encargada de recoller o Recoñecemento Internacional á Defensa dos Dereitos Humanos que concede a rede e que nesta primeira edición recibe o movemento social agrario brasileiro que traballa desde hai case cuarenta anos na recuperación de terras baldías para o campesiñado. Estará tamén entre os participantes o xornalista Nicolás Castellano, sen dúbida, un dos máis prestixiosos informadores españois especializados en temas de migración forzosa, crises humanitarias, cooperación e desenvolvemento.
“A vida negada” é o título deste V Encontro Internacional que volverá ás rúas coruñesas o mes que ven. Insistirá de novo na relación incuestionable entre o saqueo salvaxe de territorios e recursos por grandes compañías multinacionais e a migración masiva das poboacións locais, vítimas directas do espolio que esnaquiza o seu medio de vida, as súas terras e a súa cultura. Testemuños como o da lideresa indíxena Joziléia Kaigang e a activista congoleña Julienne Lusenge trasladarán ao centro da Coruña as consecuencias da rapina capitalista en dous lugares especialmente afectados do planeta, Brasil e a República Democrática do Congo.
A organización destinataria do Primeiro Recoñecemento Internacional Acampa é un dos movementos sociais máis potentes de América Latina. Leva desde 1984 defendendo o acceso dos e as brasileiras á terra, tal e como recolle a Constitución Federal do país e a Reforma Agraria incumprida. Organiza familias sen terra, ocupa latifundios improductivos en 24 estados, e promove asentamentos (áreas conquistadas), principalmente para a produción de alimentos.
A dirixente designada polo MST para recoller o Recoñecemento é filla dunha familia campesiña do estado de Paraná que viviu en primeira persoas a migración interna. Marina dos Santos sumouse ao MST cando aínda era unha adolescente tras coñecer, case por casualidade, unha ocupación de terras. Desde entón, participou na organización e consolidación do Movemento no estado de Río de Janeiro e realizado labores de coordinación na Oficina Nacional do Movemento en Brasília. Tamén tivo un papel destacado na articulación de Vía Campesina Brasil, foi coordinadora internacional de Vía Campesina para América do Sur e responsable do seguimento da Coordinación Latinoamericana de Organizacións de Campo ( CLOC).
O xornalista Nicolás Castellano desenvolve desde o an o 2000 a súa carreira profesional na Cadea SER e durante as dúas últimas décadas especializouse en contidos sobre crisis humanitarias, cooperación ou migracións forzosas, tanto na beira europea como nas costas de saída e países de orixe ou tránsito destas persoas. Foi enviado especial a catástrofes naturais como o terremoto de Haití de 2010 e ten cuberto emerxencias humanitarias como a chegada de persoas migrantes e refuxiadas en Sicilia, Lampedusa, e as illas gregas. Recibiu, entre outros galardóns, o Premio Dereitos Humanos do Consello Xeral da Avogacía Española, a Medalla de Ouro da Cruz Vermella Española e os premios de Xornalismo Berta Pardal e Periodismo Humano.
Os días 9, 10 e 11 de setembro o centro da cidade da Coruña volverá ser un espazo de denuncia da situación das persoas refuxiadas e migrantes e das causas que as empuxan a fuxir dos seus fogares e países. Haberá exposicións fotográficas, presenza de activistas de recoñecido prestixio e fotoxornalistas e todo tipo de actividades paralelas para visibilizar o tema da edición, a relación entre o espolio de recursos e os desprazamentos forzados, a realidade de eses millóns de “vidas negadas”.