Racismo

Benvidos refuxiados?

Mikel Mazkiaran, de SOS Racismo, ofreceu un taller para actuar en casos de discriminación e desigualdade de trato.

Benvidos refuxiados?
Mikel 2-min
Mikel Mazkiaran esta mañá na Facultade de Dereito.

Rosalind Williams é unha española de orixe afroamericano a quen a Policía pediu a identificación nunha estación de tren en 1992. O caso chegou até o Comité de Dereitos Humanos das Nacións Unidas que condenou o Estado español por violar o Pacto Internacional dos Dereitos Civís. Iso sucedeu 15 anos despois daquela identificación. “Hai que denunciar e ter paciencia, porque a xustiza é lenta pero as veces termina por chegar. Hai que denunciar e insistir se a primeira denuncia non prospera”, dixo esta mañá na Universidade da Coruña Mikel Mazkiaran, avogado guipuscoano experto en inmigración e secretario da Federación estatal de SOS Racismo.

Despois dunha hora de conversa coa fiscal María Dolores Rodríguez, que coordina a fiscalía contra delitos de odio na Coruña, na que trataron de aproximar unha definición do delito de odio, Mikel Mazkiaran impartiu un taller para activistas e traballadoras sociais na Facultade de Dereito. Falou sobre as ferramentas ante casos de discriminación e trato desigual, de cómo actuar ante situacións deste tipo, non sempre fáciles de identificar e menos por parte dos corpos de seguridade do Estado que non dispoñen dun protocolo de actuación como puxo de manifesto a fiscal.

Mazkiaran deu algúns consellos para preparar “litixios estratéxicos” (ou casos fabricados; isto é, provocar situacións que dean pé a denuncias para visibilizar o problema). E tamén aproveitou para denunciar a cegueira e a hipocrisía das sociedades opulentas. Primeiro, respondendo a unha pregunta sobre o caso das mendigas inmigrantes denigradas na praza Maior de Madrid por grupos de ingleses que viñan a un partido de fútbol. “A iso me refiro cando falo de vanalización de determinadas condutas. Sabedes o que fixo a Policía Municipal? Dicirlle ás mulleres que o mellor era que se marcharan da praza. A Policía non foi quen de ver o que estaba pasando, nin sequera abriron dilixencias”. E sinalou a hipocrisía que supón que as cidades de Europa se enchan de carteis coa lenda Welcome Refugees mentres unha ampla parte da poboación non quere alugar casas a estranxeiros nin telos coma veciños.

“En serio queremos que veñan?”, cuestionouse o avogado despois de referir os datos dun estudio de SOS Galicia sobre casos de discriminación que serviron de base ao taller. As activistas galegas da organización sinalaron 25 casos: 10 de negación de acceso a servizos privados, 4 de conflitos, 4 de negación de acceso a servizos públicos, 3 de discriminación laboral, 3 de discriminación en medios de comunicación e 1 de trato desigual en administracións públicas.

Falou Mazkiaran da dificultade para conseguir o amparo da xustiza. Nun caso habitual, por exemplo o de alguén a quen lle impiden entrar nunha discoteca polo seu fenotipo, sinalou a necesidade de recoller probas que garantan o recorrido xudicial da denuncia. Pedir a intervención da Policía Local ou da Garda Civil, esixir o libro de reclamacións, buscar testemuñas. Case nunca se fai. Case nunca hai atestado nin testemuñas. Por iso, explicou Mazkiaran, “so coñezo unha sentenza do Supremo aplicando o artigo 512 do Código Penal, foi nun caso dun concesionario de venda de coches no que o dono recoñeceu que dixera que non vendía a negros, nin a maricóns nin a xitanos”.

Explicou Mazkiaran a técnica para facer unha investigación sobre discriminación: testing. Seguindo co exemplo da discoteca, enviaron tres parellas (a primeira autóctona, a segunda africana e a terceira latina). “Non se trata de forzar situacións violentas, simplemente é cuestión de documentar a discriminación”. Pero o seguinte paso resulta o máis complexo. É preciso elixir a vía xudicial axeitada. E aprender dos erros. “Nun caso fabricado para mostrar o trato desigual dos revisores de Renfe acabamos denunciando á compañía pola vía de responsabilidade da Administración sinalando o anormal funcionamento. Ben, pois resultou que non houbo caso porque Renfe é unha empresa privada”. Noutro caso fabricado cun rapaz paquistaní en Barcelona fronte aos Mossos, a cousa saíu mellor pero inda queda esgotar o recorrido na xustiza española antes de chegar ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. Son os meandros da xustiza nos que se perden moitas causas xustas. “Hai veces que se gaña, como pasou no caso de Rosalind Williams. A ONU di que o perfil étnico nunca pode ser o único elemento para unha identificación. E ese é o argumento ao que nos agarramos no caso do paquistaní que hai un ano chegou ao Constitucional”.


 

Benvidos refuxiados?