"Unha proposta ambiciosa e diversa que reivindica e recoñece as loitas das persoas trans"
O Concello presenta a programación do Orgullo LGBTQI 2018 da Coruña
A edil Rocío Fraga presentou a iniciativa municipal, “elaborada coa colaboración do tecido social”, e que se desenvolverá entre o 8 de xuño e o 2 de xullo. O programa comezará coa inauguración da rúa Elisa e Marcela, en San Roque de Fóra, nun acto aberto á cidadanía
Concello da Coruña | 06/06/2018
Coruña celebrará desde o vindeiro venres, día 8, até o 2 de xullo o Orgullo LGTBQI. A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, presentou esta mañá a programación municipal que, tal e como apuntou, afonda no traballo do goberno local "por promover que ningunha persoa sexa obxecto de discriminación pola súa expresión de xénero, identidade ou orientación sexual". Así, baixo o lema Visibiliza-T. Transformando A Coruña, o Orgullo coruñés de 2018 "salienta a necesidade de unir forzas na reivindicación e recoñecemento das loitas das persoas trans, da súa coraxe e resistencia, e no apoio ás súas demandas de igualdade de dereitos e despatoloxización", explicou a concelleira, quen lembrou que o municipio adheriuse, en outubro de 2015, ao Manifesto da Rede Internacional pola Despatoloxización Trans.
A imaxe do cartaz da celebración une a bandeira do arco da vella coa bandeira trans, "para trasladar a idea de unidade na acción pola igualdade dos dereitos das persoas LGTBQI", explicou Fraga. Neste sentido, e tal e como salientou a concelleira, tanto o lema, a idea do cartel e a programación "elaboráronse, como nestes dous últimos anos, coa colaboración cos colectivos e entidades LGTBQI da cidade". "Nesta ocasión, ALAS A Coruña e Amizando participaron na elaboración dun programa diverso, que reflexa o conxunto de sensibilidades e intereses dentro do colectivo, para incorporar así iniciativas que incorporen unha perspectiva interseccional, así como outras realidades minorizadas", expuxo a edil.
Como resultado, a programación arrincará o vindeiro venres, 8 de xuño, coa inauguración, aberta á cidadanía, da rúa Elisa e Marcela, que se sitúa en San Roque de Fóra, entre a praza da Tolerancia e o Paseo Marítimo. O acto, que comezará ás 12.30 horas, contará coa presenza do alcalde, membros do goberno local e da Corporación municipal así como con representantes do colectivo LGTBQI.
Outro dos eventos destacados do programa, segundo a responsable de Igualdade e Diversidade, será a manifestación do día 28, "organizada e liderada polos movementos sociais, pero que conta co apoio do Concello". A convocatoria será ás 20.00 horas, no Obelisco, e o grupo percorrerá a avenida da Mariña até chegar a Praza de María Pita. Dúas xornadas despois, o sábado 30 de xuño, terá lugar outro dos festexos máis destacados da programación, como é a Festa polos dereitos e as liberdades LGTBQI. Comezará ás 19.00 horas e contará coas actuacións da cantautora Alicia Ramos, Las Bajas Pasiones, Marina e Pedriño DJSet. O acto, que presentarán Enfant Bello e Coco de Vil, ofrecerá unha mostra protagonizada polo alumnado dos obradoiros que se impartirán ao longo do mes, e contará con mesas informativas de entidades e organizacións sociais da cidade.
Xa na xornada do domingo 1, a veciñanza tamén poderá participar nunha acción de visibilización LGTBQI promovida por ALAS, e que dá continuidade á intervención feita hai un mes co gallo do Día da Visibilidade Trans. A partires das 17.00 horas, procederase ao pintado colectivo de dous bancos nos Xardíns de Méndez Núñez, á altura do Palco da Música. "Estes son só algúns exemplos cun mes ateigado de actividade, dunha programación ambiciosa que referenda tamén o traballo que se desenvolve, de xeito coordinado cos colectivos, ao longo de todo o ano", aseverou Rocío Fraga.
Cine e exposicións
Este xoves, 7 de xuño, comezarán as sesións de cinema vinculadas á celebración. Así, o Fórum Metropolitano proxectará a película 120 battements par minute, de Robin Campillo, e o Espazo Diverso programará dúas sesións do ciclo de videoforum Outras Miradas. Así, o día 26, proxectarase no centro cívico da de Labañou o documental Yes, we fuck!, que reivindica a liberdade afectiva e sexual das persoas diversas funcionais; mentres que o 2 de xullo, no centro cívico da Cidade Vella --no que se atopa o Espazo Diverso--, poderase ver Tongues United, unha película de non ficción do ano 1989 que mostra as discriminacións vividas polos homes negros homosexuais dos Estados Unidos.
Ademais, no equipamento municipal da Cidade Vella poderase ver, desde o 15 ao 30 de xuño, a exposición sobre o cómic ¿Hay alguien ahí?, da ilustradora coruñesa María Álvarez Hortas 'Yupiyeyo', no que, desde unha perspectiva chea de humor, aborda a vida dunha muller lesbiana. A inauguración da mostra, na que estará presente a autora, comezará ás 19.00 horas o propio venres 15.
Faladoiros e obradoiros
Esta mesma fin de semana comezarán tamén distintos obradoiros "nos que a veciñanza se poderá visibilizar bailando e actuando", apuntou a concelleira. As propostas inclúen os seguintes talleres: Drag Reinas Cutres, Voguing, Tango Queer, Pole Dance e QueeCabaresque. Para poder participar nos mesmos, será necesario formalizar a inscrición a través do Espazo Diverso, no teléfono 981.189.889 ou no correo electrónico [email protected]
A programación do Orgullo coruñés tamén inclúe faladoiros abertos á cidadanía. Así, o martes 19 de xuño, ás 19.00 horas na Casa Museo Casares Quiroga, terá lugar a charla Lexislación trans: realidades e retos, na que participarán Daniela Fernández (Amizando), Sara Romero (ALAS A Coruña) e Miguel Vieiro (letrado da asociación Arelas). Á semana seguinte, o mércores 27 de xuño, no mesmo equipamento municipal, ás 19.00 horas comezará o faladoiro Delitos de odio LGTBifóbicos, no que participará o equipo de xestión policial da diversidade da Policía Local da Coruña, Carlos Emilio Mella (Observatorio coruñés contra a LGTBIfobia), Rubén López (Observatorio madrileño contra a LGTBfobia), Milagros Otero (Valedora do Pobo) e María Olga Serrano Pedrós (fiscal delegada de Delitos de Odio e Discriminación da Fiscalía Provincial da Coruña).
Actividades nas bibliotecas municipais
As Bibliotecas municipais da Coruña súmanse un ano máis á elaboración da programación, coa organización de diversas propostas que inclúen contacontos, exposicións ou faladoiros. Todas elas centralizaranse na biblioteca do centro Ágora. Así, o mércores 13 de xuño, ás 19.00 horas, o club de lectura Queeruña promove unha conversa aberta sobre o texto Posiciones Geográficas, de Susana Tratnik. O mesmo equipamento acollerá o mércores 20 de xuño, ás 19.00 horas, o Contaconto LGTB para persoas adultas Monstro Rosa, con Violeta Seoane e Guadalupe Soto e, de seguido, ás 20.00 horas, terá lugar a conversa aberta con Remedios Vázquez e Cristina Ameijeiras sobre O tratamento das diversidades sexuais na literatura infantil. Finalmente, o xoves 21, a partires das 18.45 horas, producirase o encontro aberto sobre diversidade sexual TRANSformando o mundo, tomando como punto de partida a novela 22 segundos, de Eva Mejuto.
Concurso de fotografía
Ademais, por segundo ano consecutivo, a Concellería convoca o Concurso de Fotografía Orgullo LGTBQI VisibilizaT para visibilizar, a través das redes sociais, o recoñecemento dos dereitos e liberdades afectivo-sexuais. As persoas interesadas en participar, deberán ser maiores de 14 anos, contar cun perfil público en Instagram así como engadir o cancelo #VisibilizaT ás súas publicacións nesta rede. Para consultar a programación deste concurso, ao igual que toda a programación da celebración, pódese visitar o web www.coruna.gal/igualdadediversidade.