Acampa pola paz e o dereito a refuxio
Este domingo remata o prazo para a presentación de candidaturas ao I Recoñecemento Internacional Acampa á defensa dos dereitos humanos
As persoas e colectivos que integran a rede Acampa en todas as súas delegacións (Galicia, Madrid, Brasil e Portugal) poderán presentar candidaturas a este primeiro Recoñecemento Internacional Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio. En cada edición outorgaranse tanto recoñecementos locais, a proposta de cada unha das delegacións, como un recoñecemento de carácter internacional, que nesta primeira edición será entregado coincidindo co V Encontro Internacional Acampa pola Paz que se desenvolverá na Coruña este ano, probablemente no mes de setembro.
A Coruña, 24 de febreiro de 2021.- Aínda quedan uns días para presentar candidaturas a I Recoñecemento Internacional Acampa á defensa dos Dereitos Humanos. A Rede Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio pon en marcha este Recoñecemento co que busca por en valor aquelas entidades ou persoas referentes que destaquen na defensa dos Dereitos Humanos, especialmente naqueles campos nos que traballa o movemento Acampa: Dereitos Humanos, Dereito a Refuxio, Defensa da Paz e o Diálogo como fórmula para a resolución de conflitos.
A actualidade confírmanos o continuo retroceso dos Dereitos Humanos en todo o mundo. A pesares diso, non son poucas as organizacións e os particulares que realizan todo o esforzo posible en recuperalos e defendelos con forza e resiliencia. Eses son os nosos e as nosas candidatas ao recoñecemento, non entendido nin coma premio nin coma galardón senón coma reforzo e difusión do seu exemplo social, asegura o coordinador da Rede Acampa, Xosé Abad. A Rede Acampa anima a todos os colectivos e particulares comprometidos con esta iniciativa a presentar candidaturas que permitan recoñecer e agradecer públicamente a aqueles que seguen crendo que a defensa dos Dereitos Humanos é un elemento irrenunciable e innegociable independentemente do escenario no que nos atopemos (conflito armado, crise económica ou mesmo pandemia...)
Tanto as candidaturas como a elección das mesmas, tanto locais como a de carácter internacional, serán propostas e votadas polas organizacións e persoas que conforman a Rede Acampa Internacional. As persoas interesadas poden consultar as bases na web da rede Acampa, nesta ligazón:
https://redeacampa.org/es/reconocimiento-acampa/
A mención internacional será presentada, cada ano e de maneira simultánea en todas as cidades con presenza da Rede Acampa -neste momento A Coruña (Galicia), Madrid, Piracicaba-Sao Paulo (Brasil) e Lisboa (Portugal) e alí farase entrega á entidade ou particular elixido dunha Carta de Recoñecemento destacando o seu labor, así como da escultura creada por Pilar Subías. O Recoñecemento Internacional entregarase rotatoriamente en cada país. No que será a súa primeira edición, a deste ano 2021, a entrega farase na Coruña en coincidencia co desenvolvemento do V Encontro Internacional Acampa pola Paz que se celebrará probablemente no próximo mes de setembro. Tanto para a proposta de candidaturas como para a votación só hai que cumprir un requisito: ser organizacións ou persoas rexistradas ou asociadas á Rede Acampa. E mesmo se pode rexistrar, simplemente, para postular candidaturas. Cada entidade ou socio de Acampa poderá presentar ata dúas candidaturas, unha para cada unha das categorías, local e internacional. Unha vez rematado o prazo de presentación das mesmas, e a partir do 28 de febreiro, a votación realizarase a través da web de Acampa nun período que se estenderá durante quince días.