Galiza Nova | nota de prensa
Galiza nova denuncia a represión do goberno do PP no concello de Sanxenxo
Marta Gómez, Secretaria Xeral: “É unha vergoña, xa non so pola sanción económica se non polo ataque que supón á liberdade de expresión”
Sanxenxo, 15 de maio de 2023.- Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, denunciou publicamente nesta mañá a represión sufrida por militantes da organización que foron sancionadas economicamente tras a acción reivindicativa levada a cabo hai menos dun mes contra a visita do Rei emérito.
A organización xuvenil manifestaba publicamente o seu rexeitamento á visita do Rei emérito o pasado 17 de abril, ao día seguinte un grupo de militantes aumentaron esta protesta cunha acción que consistiu na colocación de colantes, cartaces e pancartas con lemas contra a monarquía nas rúas do municipio. Foi durante esa colocación dos colantes que a policía local identificou a dous militantes, instándoos a retirar as pegatinas e indicando que deste xeito non serían propostos para sanción, non obstante finalmente unha das rapazas si que foi sancionada economicamente pese a ter obedecido as ordes da policía.
Tal e como expresou Marta Gómez, Secretaria Xeral de Galiza Nova, “é unha auténtica vergoña e un ataque contra a liberdade de expresión” sinalou. “Galiza non ten rei e temos dereito a expresalo alto e claro e a manifestar o noso rexeitamento á visita do hemérito deixándoo claro tamén nas rúas” expresou Gómez.
Na rolda de prensa tamén estivo presente o candidato á alcaldía polo BNG no concello de Sanxenxo, Fran Leiro, que criticou a “dobre vara de medir” do goberno municipal. “Nestes días estamos vendo cartaces de mítines do Partido Popular colocados nas farolas, parécenos lexítimo e razoable pero queremos o mesmo para todas” reclamou o candidato.
“Non é a primeira vez que nos sancionan por manifestar na rúa os nosos posicionamentos e probablemente tampouco sexa a última” engadiu Gómez. “Que as nosas demandas molesten so nos dá forzas para seguir adiante, sen embargo desta volta sabemos que a mellor solución e a maior resposta debemos dala nas urnas este 28 de maio coa papeleta do BNG” sentenciou.