Primeiro de Maio
Os luns ao sol: Ana Pontón no barco da depresión
A portavoz nacional do BNG recolle en Vigo testemuñas da precariedade nunha recreación dunha escena do filme de León de Aranoa.
María Luz ten 55 anos, un traballo eventual, “no que non temos vacacións” e si reclama, como fixo, “chega a ameaza do despedimento. Clemente Pérez ten 53 anos e leva no paro desde o 2010. A súa idade, confesa, “as empresas non nos queren”. Clemente, separado e cunha filla para a que debe achegar cartos para manutención, ten dificultades para chegar a fin de mes. Xoán Carlos Rodríguez é un enxeñeiro técnico que leva catro anos en desemprego. “Tiven que volver a vivir cos meus país para non ter que recorrer a un local social ou vivir na rúa”. Sabe que un máis dos maiores de 45 anos con grandes problemas para acceder ao mercado laboral porque a pesar da formación, “as empresas non ten ven como un traballador produtivo”.
María, Clemente e Xoán Carlos acompañaron a Ana Pontón, a portavoz parlamentaria do BNG, nunha pasaxe en barco pola ría de Vigo que recreaba unha das escenas máis célebres do filme Os luns ao sol de Fernando León de Aranoa. A formación nacionalista quixo denunciar así a situación dos traballadores galegos nas vésperas do Primeiro de Maio.
Ana Pontón que o luns estará na manifestación convocada pola CIG en Vigo onde, segundo dixo na travesía de onte, “volveremos a pedir que se derroguen as reformas laborais do PP e do PSOE que tanto drama e sufrimento levan provocado”.