Refuxiados

Stop Mare Mortum afirma que o Goberno español incumpre a cota de chegada de refuxiados

Desde setembro de 2015, o Goberno español apenas reubicou 1.030 persoas refuxiadas das 19.500 que se comprometeu a acoller perante a UE, menos  5%.

Stop Mare Mortum afirma que o Goberno español incumpre a cota de chegada de refuxiados
Stop Mare Mortum en Madrid
Stop Mare Mortum en Madrid. Foto: Directa

Nestes datos da Comisión Europea alicerza o requerimento presentado por Stop Mare Mortum ao Goberno español por incumprimento das cotas de chegada de persoas refuxiadas procedentes dos campos da Grecia e Italia. “O Estado ten a obrigación de ofrecer lugares e executalos, non é unha cuestión voluntaria: o Estado tería que ter ofrecido lugares cada tres meses até decembro do 2016 e despois cada mes até setembro de 2017”, argumentan representantes de Stop Mare Mortum.

É a primeira vez que a sociedade civil emprende unha acción destas características para desencallar a situación das persoas que procuran refuxio na Europa a través da Italia e a Grecia, tanto no ámbito estatal como europeo. “A situación de todas estas persoas e a inacción consciente do goberno levounos a iniciar estas accións legais para que sexa a xustiza a que faga cumprir ao goberno a lei que o executivo de Rajoy non respecta”, comentaba a portavoz de Stop Mare Mortum, Sònia Ros, na presentación da iniciativa. Na elaboración do requerimento tamén participaron membros da Comissió de Defensa dels Drets de la Persona del Col·legi d'Advocats de Barcelona (ICAB), como Rafael Calderon, e, a título individual, o avogado Alexandre Peñalver e a avogada Isabel Baixeras.

No documento presentado en Madrid, esíxese “ao presidente do Goberno que adopte as disposicións e medidas oportunas que procederen a fin de emendar e corrixir de maneira inmediata e urxente o incumprimento da obrigación que tiña de reubicar efectivamente” até un total dunhas 19.500 persoas refuxiadas. Como explicaba Baixeras, “o escrito que presentamos inclúe unha medida cautelar para que sexan cumpridas as cotas de chegada. Como seguramente non serán cumpridas, terá de ser a xustiza, neste caso a posibilidade de que nun recurso contencioso haxa tamén medidas cautelares tomadas polo propio xuíz, que obrigan a executar as cotas”.

O requerimento é o paso previo á abertura dun procedemento contecioso administrativo. Desde a presentación do documento, no pasado 21 de abril, o goberno de Mariano Rajoy dispón de 3 meses para dar resposta. En calquera caso -caso non ser atendido, pode ser denegado expresamente ou simplemente non contestado- a organización emprenderá o procedemento xudicial.


Traducción de Esculca (http://esculca.gal/web/node/6004#.WP84hE2weih) do orixinal en catalán: https://directa.cat/actualitat/stop-mare-mortum-fa-un-requeriment-al-govern-espanyol-lincompliment-de-quotes-darribada


 

Stop Mare Mortum afirma que o Goberno español incumpre a cota de chegada de refuxiados