Acampa pola paz e o dereito a refuxio
Red Acampa exige una investigación que permita juzgar a los responsables de la masacre de la valla de Melilla en los dos lados de la frontera
Rede Acampa denuncia a violación dos dereitos humanos no masacre do valo de Melilla e esixe unha investigación que permita xulgar aos responsables non só policiais senón tamén gubernamentais dos dous lados da fronteira
Os acontecementos do pasado venres 25 de xuño constitúen unha das maiores violacións dos Dereitos Humanos producidas pola política migratoria europea na Historia. Máis de tres decenas de persoas mozas foron asasinadas como resposta ao seu intento desesperado de atravesar a fronteira en Melilla no medio do acoso violento da policía marroquí.
A maioría de persoas que trataron de cruzar a fronteira proveñen de países que arrastran anos de guerra como o son Sudán, Sudán do Sur e Chad, orixes recoñecidas para o dereito de asilo. Pero para poder solicitalo teñen que cruzar a fronteira. Por iso Rede Acampa leva anos esixindo Vías Seguras.
A Coruña, 28 de xuño 2022.- Unha das maiores violacións dos Dereitos Humanos producidas pola política migratoria europea na Historia. Así comeza o Manifesto da Rede Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio na que condena o acontecido o pasado sábado no valo de Melilla, cando máis de tres deceas de persoas mozas foron asasinadas como resposta ao seu intento desesperado de atravesar a fronteira no medio do acoso violento da policía marroquí. A Rede esixe unha investigación en profundidade e que os responsables, tanto policiais coma políticos de ambos os lados da fronteira sexan xulgados. Tamén urxe o establecemento de vías seguras para a migración insistindo en que a maior parte das persoas que trataron de cruzar a fronteira proveñen de países que arrastran anos de guerras coma son Sudán, Sudán do Sur ou o Chad e que, por tanto, teñen recoñecido o seu dereito de asilo. Mais para iso teñen que cruzar a fronteira.
Máis de 2.000 persoas achegáronse á fronteira, das cales só 500 chegaron ao valo e 133 á cidade. A resposta policial coordinada entre Marrocos e España, segundo declaracións do presidente español, produciu máis de tres decenas de persoas mortas e un número indeterminado de feridos. Esa é a fotografía da desproporción. O que a Pedro Sánchez parécelle “ben resolto”, o que cualifica como un “traballo extraordinario do goberno marroquí” para nós é un masacre inxustificable que debe ser investigada ata as súas últimas consecuencias. E os seus responsables deben terminar ante os tribunais, indica Rede Acampa.
Rede Acampa leva desde 2016 esixindo vías de acceso seguras. A non habilitación de algo tan sinxelo pon de relevo a falta de vontade política para protexer o Dereito de Asilo. Sen Vías Seguras, as persoas que teñen dereito a solicitar asilo non chegan nunca a pisar o chan onde poder obtelo.
“O aplauso aos autores do masacre, propio da linguaxe de odio da extrema dereita, confirma a súa aliñación coa política migratoria da Unión Europea: facer morrer ás persoas migrantes no camiño cara a Europa. O contrario a protexer os Dereitos Humanos”, denuncia Acampa pola Paz. Por iso insisten: os responsables desta política migratoria deberían terminar tamén ante os tribunais.
Unha monstruosidade e moitas ilegalidades
Queda documentado que se efectuaron devolucións en quente, que a policía marroquí interveu ilegalmente en territorio español, que se denegou a atención médica a decenas de persoas feridas, moitas das cales están a ser trasladadas ao interior de Marrocos. Máis ilegalidades que se suman á monstruosidade.
Mentres tanto, temos que lamentar a morte de decenas de persoas que fuxían da guerra, que buscaban protexer ás súas familias e que están a ser enterradas con urxencia e no anonimato, negando así aos asasinados e ás súas familias os máis mínimos DD.HH. Desde Rede Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio queremos facer chegar as nosas condolencias aos seus familiares e o noso repudio ao goberno español así como a esixencia de responsabilidades á monarquía de Marrocos.
O manifesto foi secundado por moitas das organizacións que integran a Rede, entre elas Amnistía Internacional, Oxfam Intermón, AIRE, CCOO, Asociación Fuco Buxán, Podemos, BNG, Solidariedade Galega,CGT, Marea Atlántica, Families4Peace, Mundo sen Guerras, o CEESG, o SLG, Vangarda Obreira, Asociación Campo da Pena… e por moitas persoas asociadas ao Movemento Acampa a título particular.