SOS Racismo Galicia
Polo arquivo de sanción por falta de licenza administrativa a vendedor ambulante
A pasada semana, o Concello da Coruña notificou a M.F. veciño da nosa cidade e vendedor ambulante na Rúa Real, unha proposta de sanción de 1.500 € por non dispoñer de licenza administrativa para o exercicio da venda ambulante.
O día 28/08/2016 M.F. atopábase na Rúa Real ofertando paraugas e sombreiros (anteriormente mercados en comercios maioristas da cidade) para poder obter uns mínimos ingresos que lle permitisen subsistir a el e a súa familia, cando axentes da Polícia Local da Coruña o identificaron e lle retiraron a mercancía. Uns días despois dita mercancía, segundo procedemento, foille devolta na comisaría local ao non tratarse de mercancía falsificada.
Cinco meses despois cal é a sua sorpresa, cando chega ao seu domicilio unha proposta de sanción de 1.500 € do Concello da Coruña por exercer a venda ambulante sen licenza administrativa.
Dende SOS Racismo Galicia insistimos na idea de que SOBREVIVIR NON É DELITO.
Entendíamos que o goberno local da Coruña, que dende a Concellería de Igualdade e Diversidade, declaraba A Coruña como Cidade de Acollida alá polo mes de abril de 2016 (Entrenós, 07/04/2016), faría os maiores esforzos para evitar a represión dos colectivos de persoas migrantes que se dedican á venda ambulante, así como para buscar alternativas que lles permitisen ter unha oportunidade para gañarse a vida na nosa cidade.
Tamén queremos lembrar que programas nesta línea como o presentado o pasado mes de maio de 2016 aos medios de comunicación, o plan PIPE (Programa para a Identificación Policial Eficaz), programa que pretendía traballar directamente para que, entre outras cuestións, a policía local da cidade fixese “identificacións eficaces e efectivas e servise para previr delitos de odio ou para xestionar o traballo cos colectivos diversos da cidade”, non poden quedar en meras políticas cara a galería e premios, que con respecto ao tecido asociativo resumíronse a unha mera reunión de presentación da plataforma, e
outra de acordo de participación. Un ano despois atopámonos que este programa non está a servir para evitar as abusivas intervencións policiais contra colectivos de persoas inmigrantes en distintos puntos da cidade, tales como a rúa Real en agosto e decembro, ou recentemente na praza de San Agustín.
Non cabe máis que esixir responsabilidades políticas ao Goberno Local do Concello da Coruña e expresar a nosa disconformidade co insuficiente traballo que se está a levar a cabo en relación á xestión da diversidade na Coruña, con incumprimento de promesas e falta de propostas e alternativas para que toda a cidadanía teña opcións para gañarse a vida ou mínimamente sobrevivir.
Por todo isto, unha vez máis solicitamos ao Concello da Coruña o arquivo de dita sanción e a repulsa absoluta ante calquera tipo de política que criminalice o dereito a subsistir das persoas.
Porque sobrevivir NON É DELITO!