Folga sanidade
UGT FICA A Coruña-Cee convoca folga no mantemento de hospitais do Sergas nos días de Nadal
A Federación de Industria, Construción e Agro de UGT (FICA) A Coruña-Cee anunciou a convocatoria dunha folga para os días 24, 25, 30 e 31 de decembro, afectando o persoal da empresa Veolia Servicios Norte S.A.U., encargado do mantemento nos hospitais do Sergas da área sanitaria Coruña-Cee. A folga, que terá unha duración de 24 horas nos días mencionados, inclúe aos seguintes centros de traballo:
- Hospital Materno Infantil Teresa Herrera.
- Hospital Abente y Lago.
- Hospital Marítimo de Oza.
- Hospital Virxe da Xunqueira, en Cee.
- Centro de Especialidades Ventorrillo.
- Lavandería do Sergas na Coruña.
UGT FICA xustifica esta mobilización pola negativa de Veolia Servicios Norte a negociar un acordo colectivo que regule as condicións laborais do persoal. A central sindical denuncia tamén desigualdades e incumprimentos como a asignación de tarefas que exceden os termos do contrato coa administración, situación que, segundo afirman, supón un risco tanto para a saúde das traballadoras e traballadores como para a seguridade dos pacientes.
Ademais, UGT critica a imposición unilateral de servizos mínimos por parte da dirección de Recursos Humanos do Sergas, que modificou os previamente acordados entre a empresa e a representación sindical. “O Sergas debería centrarse en buscar unha solución ao conflito en lugar de impoñer uns servizos mínimos que non responden ás necesidades reais da poboación da Área Sanitaria Coruña-Cee”, afirmaron representantes sindicais.
Con esta folga, o sindicato busca esixir melloras laborais, denunciar a precariedade e reclamar unha maior responsabilidade por parte das institucións implicadas. A mobilización coincide con datas clave, co obxectivo de visibilizar a importancia do servizo de mantemento e o impacto que as súas condicións teñen na calidade da atención sanitaria.