Eólicos

ADEGA acadou o apoio social necesario para recorrer no Tribunal Superior de Xustiza outros catro macroproxectos eólicos autorizados pola Xunta

A campaña de crowdfunding "Ti podes paralos!" levada a cabo por ADEGA conseguiu reunir os fondos necesarios en tan só 3 meses para interpoñer recursos legais ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) contra os macroproxectos eólicos Vilartoxo, Troitomil, Monte da Croa e Rodicio II, todos eles autorizados pola Xunta. A través desta exitosa iniciativa, ADEGA logrou sumar un total de 8 polígonos eólicos impugnados na actual vaga eólica.
ADEGA acadou o apoio social necesario para recorrer no Tribunal Superior de Xustiza outros catro macroproxectos eólicos autorizados pola Xunta
Parques eólicos (en vermello) que forman parte da campaña Ti Podes Paralos
Parques eólicos (en vermello) que forman parte da campaña Ti Podes Paralos

Santiago de Compostela, luns 28 de agosto de 2023. A campaña de recadación solidaria "Ti podes paralos!" tamén superou a primeira fase de financiamento en outros 21 desafíos #TPP impulsados por ADEGA. No transcurso destes 3 meses, a iniciativa conseguiu acumular máis de 140.000 euros en fondos solidarios. Este éxito atribúese en gran medida ao crecente rexeitamento social contra a degradación eólica en Galicia.

A loita de ADEGA contra a proliferación de parques eólicos gañou forza grazas ao respaldo cidadán e á mobilización de plataformas locais. A campaña "Ti podes paralos!" converteuse nun fito de recadación solidaria con obxectivos medioambientais na historia do activismo galego.

Os proxectos eólicos Vilartoxo, Troitomil, Rodicio II, Monte da Croa e Campo das Rosas foron seleccionados para seren recorridos legalmente por ADEGA, que traballou en recursos e avaliacións técnicas ambientais para contrarrestar as deficiencias na avaliación ambiental destes proxectos.

No caso de Vilartoxo e Troitomil, preténdese instalar aeroxeradores preto de aldeas e explotacións agrícolas, o que podería poñer en risco a saúde e o benestar das persoas e animais, ademais de afectar áreas de valor ambiental. O proxecto Monte da Croa ameaza a capital de Terra de Soneira coa instalación de 7 muíños, o que suporía unha barreira para as aves e a eliminación de valores paisaxísticos.

A campaña "Ti podes paralos!" demostrou ser un exemplo de empoderamento colectivo na loita contra os abusos das grandes multinacionais enerxéticas, e ADEGA fai un chamamento á sociedade galega a seguir apoiando esta causa.

Cabe destacar que todas as doazóns realizadas á campaña "Ti podes paralos!" poderán desgravarse até un 80% na declaración da renda. A iniciativa marcou un fito na recadación solidaria con obxectivos medioambientais e convértese nun referente de mobilización social contra a expansión indiscriminada de proxectos eólicos en Galicia.

ADEGA acadou o apoio social necesario para recorrer no Tribunal Superior de Xustiza outros catro macroproxectos eólicos autorizados pola Xunta