medio ambiente
ADEGA busca parar 14 muíños eólicos entre as ZEC Serra do Cando e Serra do Candán
Santiago de Compostela, luns, 24 de xullo de 2023.- A asociación ecoloxista ADEGA chama á colaboración da cidadanía a través da campaña de doazóns Ti Podes Paralos! para emprender accións xudiciais contra un novo proxecto eólico: Paraño Oeste, nos concellos de Forcarei e Beariz. A campaña Ti Podes Paralos! ten como obxectivo recadar os fondos necesarios para a interposición de recursos contencioso-administrativos contra o actual modelo eólico depredador e insustentábel promovido pola Xunta de Galiza.
Ao pé da Serra do Suído, o parque eólico Paraño Oeste, promovido por Eólica Galenova S.L.U., proxecta un total de 14 aeroxeradores de 180 metros de altura nunha zona fundamental da dorsal galega como corredor ecolóxico entre a Serra do Suído e os espazos da Rede Natura, ZEC Serra do Cando e ZEC Serra do Candán. Este proxecto provocará danos sobre a tartaraña cincenta, a gatafornela ou a aguia real; e afectará tres Áreas de Especial Interese Paisaxístico. Tamén impactará sobre varias mámoas, petróglifos e sobre a ruta xacobea "Camiño da Geira e dos Arrieiros" ou a feira de Doade, celebrada dende o século XII.
Por todos estes motivos, ADEGA impulsa esta campaña de recadación colectiva cun obxectivo mínimo de 7.300 euros, establecido en dous retos correspondentes ás distintas fases de acción xurídica: en primeiro lugar, a presentación por parte de ADEGA do recurso de alzada e a elaboración do informe técnico ambiental; e en segundo termo, a interposición do recurso contencioso-administrativo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, así como a solicitude de paralización cautelar.
Para poder contribuír a este desafío #TPP, ADEGA pon a disposición a seguinte plataforma online de crowfunding: https://tipodesparalos.helpbysc.com/paranhooeste
Novos logros da campaña, a campaña Ti Podes Paralos! recadou ata o momento máis de 94.000 euros entre o fondo común e todos os desafíos activos para cada parque eólico. Os últimos en superar o seu primeiro reto foron os correspondentes aos P.E. Serra de Piñeira e Serra do Colmo nos Ancares, ou Rodeira en Vila de Cruces. Con eles, xa son un total de 18 os parques eólicos fronte aos que ADEGA pode iniciar as accións xudiciais co obxectivo de frealos no TSXG. A asociación ecoloxista agradece estes logros a toda a poboación implicada coa campaña.
Ao mesmo tempo, ADEGA chama a facer un último esforzo para conseguir os primeiros retos das campañas referidas aos proxectos eólicos Xeada e Orballeira, nas Serras do Courel e Valdeorras, que afectan de forma crítica a única parella de aguia real da provincia de Lugo. Quedan tan só catro días de prazo nos que cómpre alcanzar ese primeiro obxectivo económico para poder continuar a andaina de recadación e intentar frealos na Xustiza.
Outros desafíos #TPP en activo, todos e cada un dos desafíos #TPP de ADEGA que están actualmente activos, así como a información de cada un deles sobre a súa evolución na recadación solidaria, poden ser consultados na páxina web principal da campaña Ti Podes Paralos!: https://tipodesparalos.helpbysc.com/inicio. ADEGA tamén ofrece a posibilidade de destinar as doazóns a un fondo común non adscrito a ningún proxecto eólico en particular, e que servirá de apoio ao conxunto dos desafíos impulsados por ADEGA: https://tipodesparalos.helpbysc.com/fondocomun. Todas as doazóns que se efectúen poderán desgravar até o 80% na declaración da renda.