ADEGA | nota de prensa
Colectivos conservacionistas solicitan unha reunión urxente á ministra Teresa Ribeira na súa próxima visita a Ponferrada
Ponferrada, 20 de marzo de 2023.- A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Bierzo Aire Limpo, Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica e a Sociedade Galega de Ornitoloxía dirixíronse por carta á Ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribeira, para solicitar unha reunión con carácter urxente durante a súa próxima visita a Ponferrada. A xuízo das entidades ecoloxistas, estamos ante unha situación grave —“fóra de control”—, que preocupa a amplos sectores da sociedade galega, leonesa e berciana.
As catro organizacións, cunha longa traxectoria na defensa do patrimonio natural do ámbito cantábrico, son integrantes do Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica, alianza que está a presentar batalla legal contra a desproporcionada implantación de proxectos de enerxías renovables no norte de España.
Entre as peticións remitidas á Ministra Ribeira demandan “elaborar unha planificación estratéxica e establecer zonas de exclusión que impliquen a prohibición legal de implantar proxectos de enerxías renovables en espazos de alto valor natural (como os afectados na Cordilleira Cantábrica); protexer a participación cidadá como principal garante da defensa dos territorios e os intereses das persoas que residen neles; implementar a esixencia dun estudo que valore a cantidade en Tep (toneladas equivalentes de petróleo) de combustibles fósiles necesaria para a posta en marcha de cada un dos proxectos expostos (desde o momento de inicio das obras de acondicionamento) e, por tanto, o tempo estimado de funcionamento, necesario para “amortizar” o consumo fósil empregado.
A xuízo dos colectivos, débese “xustificar o carácter de interese público de todos e cada un dos parques propostos cuns criterios que teñan en consideración os usos actuais, sen dar por suposto que a xeración de enerxía eléctrica o sexa en todos os casos”. Tamén solicitan ao Ministerio para a Transición que facilite as listaxes dos proxectos con dereito consolidado de acceso á Rede Eléctrica Española.
Por último, as catro organizacións ecoloxistas e conservacionistas demandan “incrementar as medidas enfocadas ao seguimento e control de todos os proxectos de enerxías renovables evitando a actual laxitude que convida á especulación por parte das promotoras e que, á súa vez levará unha previsible judicialización dos procedementos (algo que aspira a colapsar nun futuro os tribunais); e esixir ás promotoras avais suficientes que inclúan a necesaria provisión de fondos para retirar e reciclar as instalacións industriais cando finalice a súa vida útil, así como unha fianza acorde aos riscos que asumirá o medio ambiente da nosa terra, cuxo fráxil equilibrio se atopa comprometido por proxectos eólicos de magnitude inusitada que se pretenden implantar nun espazo de alto valor natural como a Cordilleira Cantábrica”.