Cornado Mina Non | nota de prensa

Cornado Mina Non presenta unha queixa ante a Consellería de Emprego e Igualdade pola utilización de persoas en situación de desemprego a prol da mina de Touro

A mercantil Cobre San Rafael está a inscribir ás paradas e parados que entregan o curriculum no seu colectivo instrumental, autodenominado “Asociación Plataforma de Traballadores Mineiros Touro O Pino” para simular apoio social, dado que a entidade creouse por parte de empregados da mineira co único obxectivo de fragmentar a maioritaria oposición da veciñanza e tentar sacar adiante o proxecto de reapertura da polémica explotación de cobre de Atalaya Mining e Explotaciones Gallegas.

 

Cornado Mina Non presenta unha queixa ante a Consellería de Emprego e Igualdade pola utilización de persoas en situación de desemprego a prol da mina de Touro
Oficinas de Cobre San Rafael na localidade de O Pino 1
Oficinas de Cobre San Rafael na localidade de O Pino 1

Doutra banda, o colectivo da mineira utiliza as cifras de supostos “socios” a conveniencia nun burdo acto de manipulación, pois no mes de setembro pasou, dunha semana para outra de falar de “máis de 1.000” socios a “máis de 1.300”, que aínda tendo en conta a irrealidade da cifra non deixan de ser persoas en situación de desemprego que na súa meirande parte descoñecen o uso torticeiro que se está a facer do seu requerimento laboral.

A suposta plataforma de “Mineiros Touro O Pino” foi concibida dende a mineira e a prol do obxectivo comercial da mineira nunha estratexia de marketing corporativo cuidadosamente deseñada dende os despachos da empresa, Tanto é así que as propias oficinas de Cobre San Rafael na localidade de O Pino aparecen plenamente identificadas cos logotipos da súa asociación instrumental sen dúbida porque unha e outra son as dúas caras da mesma moeda.

Ademáis, chama a atención que a súa conta de Facebook do colectivo instrumental da mineira pasara ao pouco tempo da súa creación duns poucos seguidores a máis de 6.400, o que fai pensar, como xa se ven alertando online, da potencial compra de followers nunha política totalmente prohibida pola rede social. En contraste, a conta de Mina Touro O Pino Non ten máis de 8.600 persoas reais conectadas e a de Cornado Mina Non máis de 1.700 acumuladas ao longo de anos de loita veciñal.

Por todos estes motivos, Cornado Mina Non ven de presentar unha queixa ante a Consellería de Emprego e Igualdade demandando que inste á empresa a deixar de lado este tipo de comportamentos que só contribúen a enrarecer o ambiente social e atenden única e exclusivamente ao interés particular dunha empresa que só busca o seu máximo beneficio comercial.

RECLAMO AO ICOG

Por outra parte, Cornado Mina Non rexeita a utilización que Pablo Núñez Fernández, delegado en Galicia do Ilustre Colegio Oficial de Geólogos (ICOG), está a facer dunha institución que debería ser de referencia -e por definición neutral- a favor do proxecto de reapertura da mina de Touro.

É totalmente inaceptable que Núñez, como empregado de Cobre San Rafael e tamén membro da súa asociación instrumental de “Mineiros Touro O Pino”, esté a falar en nome de todas as xeólogas e xeólogos colexiados en Galicia cando nin todos saben que isto acontece en semellantes termos nin por suposto todos están a favor do Proxecto Touro porque aparte das tarefas de exploración e investigación mineira este colectivo profesional tamén traballa en moitos outros ámbitos diferentes, como por exemplo no ensino en centros de educación media e superior.

Cornado Mina Non presenta unha queixa ante a Consellería de Emprego e Igualdade pola utilización de persoas en situación de desemprego a prol da mina de Touro