Ecoloxistas en Acción | nota de prensa
Instan ao goberno municipal a que non permita que Vigo sexa unha cidade de segunda
Ecoloxistas en Acción xunto coa asociación veciñal de Teis realizaron medicións de audiometría da contaminación acústica que provoca ao treito urbano da autoestrada AP-9.
Os datos recollidos indican que o nivel de ruído que soporta a veciñanza de Teis duplica o máximo recomendado pola OMS.
A asociación veciñal e Ecoloxistas en Acción instan ao goberno local a que esixa medidas inmediatas ao Ministerio e non permita que Vigo sexa unha cidade de segunda.
A veciñanza de Teis leva anos demandando a instalación de barreras anti-ruído na contorna do tramo da autoestrada AP-9 que atravesa a cidade para reducir a contaminación acústica que soportan as viguesas e vigueses que residen preto do vieiro de alta capacidade. O ruído nesa zona é continuo e afecta gravemente á saúde pública, como confirma as medicións realizadas por Ecoloxistas en Acción. Segundo estas medicións o nivel de ruído supera os 90 decibelios con picos frecuentes por enriba dos 100 dB. Unha grave situación da qa que ten contancia a administración, xa que en 2012 elaborouse o Mapa Estratéxico do Ruído (MER) no que se recoñecía que máis de 5.000 domicilios de Teis estaban expostos a unha contaminación acústica moi por enriba de 50dBbcando o máximo recomendado pola Organización Mundial da Saúde é de 50 decibelios.
O ruído ambiental, mesmo cando non é percibido subxetivamente como un problema, está a ocasionar efectos negativos na saúde das persoas. A Organización Mundial da Saúde (OMS) considera a contaminación acústica como un dos principais factores ambientais con maior impacto na saúde. A Comisión Europea cifra en 10.000 as mortes prematuras ao ano por mor do ruído. As viguesas e vigueses semellan acostumados ao elevado ruído ambiente, pero non é necesario que cause danos directos no oído. Os principais trastornos non auditivos relacionados co ruído como estrés, ansiedade e depresión, insomnio por imposibilidade de conciliar o soño, diminución do rendemento e a aprendizaxe, incremento do risco cardiovascular e da mortalidade por causas respiratorias, cardiocirculatorias e diabetes en certos grupos de idade (maiores de 65 anos).
Ecoloxistas en Acción máis a asociación veciñal de Teis denuncian que o Ministerio ningunea a Vigo. Noutras cidades ou vilas máis pequenas os tramos urbanos das autoestradas están dotados de pantallas absorventes de ruído, mentres, en Vigo non hai nin un só metro instalado. Por iso, demandan ao goberno municipal que non permita que Vigo sexa unha cidade de segunda. "Estamos ante un grave problema de saúde pública. A contaminación acústica causa trastornos moi graves que merman a calidade de vida da veciñanza. Non se entende o continuo desleixo do goberno municipal ante esta situación", sinala Xaquín Pastoriza, coordinador do grupo de Vigo de Ecoloxistas en Acción.