ADEGA | nota de prensa
Primeiro o COVID e agora a gripe aviaria: a que agarda a Xunta para pechar as granxas de visón?
Como temos denunciado en reiteradas ocasións, as granxas de visón son unha bomba biolóxica que non só poñen en risco a biodiversidade autóctona, senón tamén a saúde pública ao seren gromos e focos de transmisión de enfermidades como o COVID ou a gripe aviaria, mesmo novas variantes descoñecidas para as que aínda non hai vacinas e que poderían transmitirse ás persoas.
Este novo gromo de gripe aviaria nunha granxa de visón americano aponta tamén aos posíbeis impactos económicos que para a gandería tradicional (aves domésticas e de granxa) podería ter a dispersión de individuos afectados polo virus H5N1.
As insuficientes medidas de control de risco das instalacións de cría de visón, nas que dende o inicio da pandemia xa se levan detectado uns 15 focos de COVID, queda patente ao agromar agora, probabelmente por contacto con aves salvaxes infectadas, un episodio de gripe aviaria H5N1. Desta volta, os máis de 50.000 animais sacrificados por este foco de gripe aviaria en Carral únense ás ducias de milleiros de mortes que xa provocou o COVID nas granxas galegas.
ADEGA solicitou en reiteradas ocasións a Xunta e Ministerio que, en aplicación do principio de precaución e perante unha situación de emerxencia sanitaria, decreten o peche cautelar das granxas de visón (unhas 25 en Galiza, máis de 3/4 partes de todas as do Estado).
Non fica claro se estas instalacións van ser prohibidas cando se aprobe a nova lei de dereitos dos animais, actualmente en tramitación no parlamento español, xa que co actual texto dependería das excepcións contidas no regulamento que a desenvolva. Con todo, o punto final a estas instalacións está xa previsto para o ano 2030 no rascuño do Plano estratéxico do patrimonio natural e da biodiversidade.
Porén, os cada vez máis frecuentes surtos de COVID e agora H5N1 nestas granxas debería provocar o seu peche inmediato como medida cautelar por parte da Xunta. O contrario suporía xogar á ruleta rusa biolóxica expoñendo a nosa biodiversidade e a saúde pública a un risco inasumíbel, só para beneficio dun negocio minoritario e elitista cada vez máis cuestionado e prohibido en toda Europa.