BNG | nota de prensa
O BNG reclama á Xunta que empregue os fondos de cohesión europeos para evitar a emigración e facilitar o retorno das persoas emigradas
Ana Miranda e Daniel Castro critican a ausencia de políticas que evitaran a marcha de 327.000 persoas de 16 a 54 anos entre 2009 e 2020
Compostela, 8 de abril de 2021. A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e o deputado Daniel Castro, denuncian as graves consecuencias da emigración de profesionais galegos debido ás pésimas condicións laborais existentes, que provocan a falla de estabilidade laboral e vital a consecuencia de decisións políticas do Goberno do PP. “Non podemos permitirnos o luxo de que do noso país marchen arredor de 20.000 persoas ao ano por non atopar traballo, porque non sexa axeitada a súa formación ou pola precariedade laboral xeneralizada”, criticou Ana Miranda.
Para os nacionalistas, os fondos FEDER do período 2021-2027, -que van apoiar a territorios con problemas demográficos-, deberían ser empregados tamén para evitar a emigración apostando por investimentos para fixar poboación e evitar a emigración de profesionais. Galiza está entre as nacións europeas onde máis rápido descende a poboación en toda Europa e “non pode ser é que o goberno galego ignore este problema da emigración actual como leva facendo dende que goberna, e que no caso das familias, estase voltando a unha situación de deixar en Galiza a fillas e fillos como hai anos, coas consecuencias persoais que iso implica”, denuncian.
Neste sentido, o deputado Daniel Castro explicou que segundos datos do IGE, máis de 327.000 persoas de entre 16 e 54 anos marcharon de Galiza no período 2009-2020, “como se quedara baleira practicamente toda a provincia de Lugo”, sinalou, apuntando a transversalidade das persoas que marchan, tanto respecto a súa idade como a súa formación e situación laboral. Precisamente ao respecto, segundo datos da OCDE, a perda media de fuga de talento é do 3% en Europa mentres que en Galiza é do 10%, “consecuencia directa dos desequilibrios sociais e económicos existentes no noso país, agravados nos anos de goberno de Feijóo”.
Fenda entre sistema educativo e mercado de traballo
Ademais, o Comité das Rexións Europeo, -no informe de 2020 sobre fuga de talento-, indica que a fenda entre o sistema educativo e o mercado de traballo é unha das causas da emigración de profesionais, e insta a que sexan as autoridades subestatais en cooperación coas estatais e europeas as que rendibilicen o investimento en capital humano dun país, que se perde coa fuxida de talento e que é sen dúbida o problema en Galiza, como recoñece o recente informe da Universidade de Vigo “Fuga de talento en Galiza. Mito ou realidade?”.
“É moi grave que se forme ao alumnado nas Universidades e centros educativos galegos sen que ese talento permaneza no país”, criticou Ana Miranda, quen explicou que a fuxida de talento debe ser entendida nun sentido amplo, como capacidades formativas en todo tipo de profesións, non só universitarias. “Esta fuxida debe ser recoñecida polo goberno do PP e procurar solucións, xa que existen fondos de cohesión europeos que se poden empregar neste sentido”, manifesta. “É imprescindible unha resposta política, pois estamos diante dun problema humano, económico e demográfico, porque na súa maioría marchan persoas mozas que son as que posúen a maior capacidade reprodutiva sen que o goberno galego faga nada por evitalo”, indicou.
Para coñecer os datos reais, o BNG insta ao Instituto Galego de Estatística (IGE) a que promova un informe sobre a emigración galega actual, para a poboación comprendida entre os 16 aos 55 anos, xa que estase detectando unha fuga de profesionais moi elevada dende 2011 que se vai agravar cos efectos económicos da pandemia. Os nacionalistas consideran que o informe debería contemplar datos desagregados por franxa de idade e por nivel de estudos.
Plan Retorna
Para os nacionalistas “precisamos reter o talento galego e voltar a traer a emigración de retorno, pois é lamentable que o PP non empregue todos os fondos europeos dispoñibles para crear emprego e evitar a emigración de profesionais de sectores diversos”. Neste sentido Miranda e Castro lembraron que o BNG vén demandando dende hai anos plans para o retorno da emigración galega como o Plan Retorna ou como o programa Imán que se puxo en marcha no Goberno bipartito para a volta da diáspora científica galega.
As nacionalistas salientaron que existen agravantes que afondan na fuxida de profesionais ademais das condicións laborais, como a calidade dos servizos, os transportes, problemas de dixitalización como a fenda dixital existente en múltiples zonas de Galiza que é unha complicación engadida ao desenvolvemento profesional, especialmente nestes momentos de pandemia no que se prioriza o teletraballo. “No BNG demandamos que o goberno galego empregue fondos europeos para facer políticas de retención de profesionais e man de obra cualificada que está emigrando e que o PP evite que se despilfarren as capacidades de moitos profesionais formados en Galiza e que van na súa maioría a outras partes de Europa”, conclúen.