Acampa pola paz e o dereito a refuxio
A Rede Acampa levou ao Parlamento Galego a súa reivindicación do recoñecemento da figura de Refuxiado Climático
O obxectivo é que a Cámara galega asuma unha Declaración Institucional nesta liña, que poida ser replicada no Parlamento do Estado e nas institucións europeas para que a figura de refuxiado climático sexa considerada en todas as leis e regulamentos que regulan o dereito de asilo.
As previsións son arrepiantes. A ONU calcula que nos próximos trinta anos as persoas na procura de refuxio por causa da crise climática poderán ser 1.000 millóns. ACNUR constatou que desde o 2009 en diante, en cada segundo, unha persoa foi desprazada por un desastre ambiental, cifrándose nunha media de 22.5 millóns as persoas desprazadas polo clima ou eventos relacionados con el. Malia iso, esta categoría, no ámbito das leis internacionais que regulan o dereito a refuxio, non existe.
A Coruña, 24 de marzo de 2021.- Un pasiño máis na procura do recoñecemento da categoría de refuxiado por cambio climático que a rede Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio leva demandando desde o 2018. Ao longo da xornada de hoxe, unha delegación deste movemento, formada polo seu coordinador xeral, Xosé Abad e por Rubén Sánchez, responsable da área de Organizacións Sociais da rede, mantivo encontros con representantes dos tres partidos que compoñen o Parlamento Galego: a popular Marisol Díaz Mouteira, voceira da comisión de Medio Ambiente, Pablo Arangüena, voceiro adxunto do PSdG, e o deputado Luis Bará, do BNG.
O obxectivo de Acampa é conciso, que o Parlamento galego impulse a proposta da rede e asuma unha Declaración Institucional nesa liña que poida ser replicada no Parlamento estatal e nas institucións europeas. O Parlamento do Estado debe asumir a urxencia de que a figura de refuxiado por cambio climático sexa incorporada e considerada en todas as leis e regulamentos que regulan o dereito de asilo. A receptividade dos tres grupos foi positiva polo que desde a rede confíase en que o Parlamento Galego aprobe unha declaración neste senso.
A mesma ONU alertou que nos próximos trinta anos haberá entre 250 e 1.000 millóns de refuxiados climáticos fóra das súas comunidades e países por non dispoñer de auga e outros recursos para sobrevivir. ACNUR constatou que desde 2009 en diante, cada segundo, unha persoa foi desprazada por un desastre ambiental, cunha media de 22.5 millóns de persoas desprazadas polo clima ou por eventos relacionados con el. En decembro do 2010 os Estados presentes na Conferencia de Cancún adoptaron un acordó invitando aos gobernos a incrementar as súas accións e medidas para mellorar a interpretación, coordinación e cooperación con respecto aos desprazamentos inducidos polo cambio climático así como a organizar unha migración e recolocación planificada, cando corresponda, a nivel nacional, rexional ou internacional. Na iniciativa Nansen (entre Suiza e Noruega, outubro do 2012) lembrouse aos Estados que sobre eles recaía a responsabilidade de protexer ás poboacións afectadas polo cambio climático ou os perigos ambientais. Doce anos máis tarde de todas esas alarmas, os pasos dados neste senso son cativos.
O crecemento económico sen límites, sen unha regulación que o free, desemboca nunha gran traxedia para a humanidade, conducíndonos a unha situación dramática sen volta atrás, recordan desde a rede. As sináis son cada día que pasa máis evidentes. Lumes sen control en Australia e mais nos Estados Unidos. O Ártico perdendo a súa xélida identidade. Centroamérica asolagada por furiosos furacáns. As máis recentes tormentas de neve que paralizaron o centro de España e deixaron por semanas paisaxes propios da Rusia central. Mais a figura de persoa refuxiada por cambio climático non existe no dereito internacional. E urxe ou millóns de persoas quedarán desamparadas. Os fenómenos meteorolóxicos adversos e extremos desembocan en catástrofes naturais e obrigan ás administracións a desembolsar grandes cantidades de diñeiro para palialas. Todo iso é o resultado da crise climática que poucos parecen tomar en serio. Os efectos do dano inflixido ao planeta pola man da especie humana, e a súa incidencia directa nos desprazamentos de millóns de persoas que ven como o seu hábitat desaparece, facendo imposible a súa supervivencia, son palmarios.