Sanidade pública
Declaración institucional sobre a situación da sanidade pública na cidade da Coruña
A Coruña conta actualmente cunha poboación de 244.850 habitantes e cun contorno apropiado para que as persoas gocen de boa saúde: boa calidade ambiental, praias con bandeira azul, limitada densidade de poboación etc. Nesta cidade, o servizo público de saúde, o Sergas, dispón dun cadro de excelentes profesionais. Ademais, na Coruña contamos tamén cunha ampla rede de institucións e entidades sociosanitarias que realizan un labor fundamental en beneficio da saúde das nosas veciñas e veciños, que nalgúns casos suple os déficits do servizo público.
Porén, a situación sanitaria na cidade non deixa de empeorar co paso do tempo. O servizo de urxencias está actualmente colapsado, en gran medida, pola falta de dotación de recursos noutros servizos: recorte no número de camas, desbordamento do persoal na atención primaria e tamén nas especialidades etc. Esta situación empuxa a que as e os doentes busquen en Urxencias unha solución rápida á súa doenza e ás listas de agarda. A falta de investimento económico impacta directamente na calidade da atención, xa que lle afecta a unha boa cantidade de recursos humanos e tecnolóxicos ao prexudicar o servizo e xerar longas listas de agarda. O mantemento da taxa de reposición impide recuperar os recursos profesionais que se perderon durante a crise.
Ademais, desde o goberno autonómico estase investindo máis no hospital que na atención primaria, coa perda dunha visión integral da saúde (benestar, contorna social, prevención e determinantes sociais da saúde,...). Se o orzamento adecuado para a atención primaria debe estar no 25% do total do sistema sanitario, no caso da Coruña está nun 12%, moi por debaixo do recomendable. A centralización do sistema é excesiva; hai numerosos estudos onde se demostra que os servizos de saúde deben estar preto das e dos pacientes, posto que isto repercute positivamente na súa saúde. En definitiva, podemos concluír que o verdadeiro problema se encontra na xestión e no investimento. É preciso, desde a Xunta de Galicia, tomar decisións que supoñan un aumento no número de profesionais (respectando os seus dereitos laborais), mellora das instalacións, do equipamento, reducir o tempo de espera, aumentar o tempo de atención por paciente etc.
É imprescindible que exista un reforzo na atención sanitaria primaria para poder levar a cabo as políticas de prevención e promoción da saúde que lle aforran custos ao noso sistema sanitario pero, sobre todo, redundan no beneficio da calidade de vida de toda a cidadanía da Coruña.
Por todo o anterior, desde este Consello Local de Saúde, queremos amosar a nosa preocupación pola situación actual no sistema de saúde pública descrita e solicitarlle á Xunta de Galicia un incremento da dotación orzamentaria neste 2019 que permita na nosa cidade unha asistencia sanitaria digna para as nosas veciñas e veciños.
A Coruña, 23 de xaneiro de 2019.
O Consello Local de Saúde do Concello da Coruña.