Violencias machistas
A Marea Atlántica propón unha declaración institucional no Pleno polo 25N e contra as violencias machistas
O grupo municipal da Marea Atlántica propón que, no Pleno do 7 de novembro, todos os grupos da Corporación adopten unha Declaración Institucional para expresar a súa firme condena a calquera forma de violencia machista e aposten por dedicar máis recursos a combater a desigualdade entre homes e mulleres. No mes do 25N, o Día Internacional pola eliminación da violencia contra as mulleres, agardamos que o Concello da Coruña dea un paso claro contra o machismo.
Deste xeito, trasladaremos unha proposta para condenar a violencia sexual, psicolóxica, económica, física ou obstétrica, diferentes formas da mesma cultura machista que segue a ser estrutural na nosa sociedade e que hai que combater de fronte. Non en van, desde que se ditou a sentenza do caso de La Manada, en 2016, cometéronse 147 violacións múltiples. “As institucións teñen a obriga de responder coa mesma forza, a mesma dignidade e a mesma contundencia coa que o fan as mulleres que saen a rúa cada 25 de novembro baixo o lema "Nin una menos”.
Na nosa proposta de declaración institucional incluímos, ademais, o compromiso explícito do Concello da Coruña para manter e mellorar, desde a proximidade do municipalismo, os servizos de atención e prevención das violencias machista, dotándoos de recursos e persoal. Tamén de seguir impulsando o Pacto Social por unha Coruña libre de Violencias Machistas, o Observatorio Local de Igualdade e as diferentes campañas de sensibilización. E, por suposto, de cumprir e desenvolver a pioneira Ordenanza de Igualdade que se aprobou no Pleno do mes de setembro, recollendo o traballo realizado no anterior mandato.