Envía material deportivo á escola de fútbol do seu barrio en Senegal

Agradecido polo fútbol

Birame Samb colabora con varios clubes galegos para enviar material deportivo á escola de fútbol do seu barrio en Dakar, unha escola na que quere que se ensine moito máis que fútbol.

Agradecido polo fútbol
celanova
Celanova

Birame Samb mide máis de metro noventa e parece moi alto para ser futbolista. Demasiado alto para xogar como media punta, como lle gusta definirse. O seu referente desde neno foi Khalilou Fadiga, que foi capitán da selección de Senegal e xogou en Francia, Bélxica, Inglaterra e no Inter de Milán. Fadiga, xa retirado, é o mito futbolístico da xeración de Birame, que tamén deixou o fútbol hai uns anos e agora quere ser adestrador e, si todo sae ben, algo máis.

Birame é repartidor de publicidade na Coruña. Aforra para poder presentarse ao curso de adestrador. Colabora coa Cruz Vermella, os primeiros que lle botaron a man ao chegar a Europa, e tamén adestra ao equipo de fútbol sala. Di que quere devolver moita da axuda que tivo desde que chegou aquí para traballar, xogar ao fútbol e enviar material para a escola de fútbol de Hann Bel Air.    

“Si todo sae ben” é o condicional co que Birame vai cosendo as pezas do seu proxecto. Veuse para Coruña na procura de cartos para soster a economía familiar alá en Hann Bel Air, un suburbio de Dakar xunto a praia, fronte a illa de Goreia, aquela da que partían os barcos cargados de escravos cara o Novo Mundo.

Foi no 2006. Daquela saían catro ou cinco caiucos de Hann Bel Air cada noite de primavera. Birame tiña 28 anos. Viaxaron 43 mozos do barrio e outros 43 de fóra que pagaban a pasaxe de todos. Estiveron sete días navegado pegados á costa antes de arriscarse a buscar as praias de Tenerife. A Cruz Vermella recolleunos na area. 

“En Senegal temos moi bos futbolistas, pero case todos acaban en Francia ou en Bélxica. A min gustaríame traer futbolistas para o Dépor e para os equipos da comarca. Para todos os que me axudaron”, di Birame, “porque todos son como da miña familia”. “En Hann Bel Air temos bos xogadores, como Ambu Faye, Galas, que agora está no Ourense, ou Mali Djon, que é adestrador en Kuwait e fixo moito pola escola”. 

Un mes antes de que Birame chegara ás illas, Juan Carlos Valerón, o media punta do Dépor, lesionouse de gravidade. Nin Valerón nin Fadiga -eliminada a selección de Senegal por Togo- puideron xogar a Copa do Mundo de aquel ano.
Valerón inda non coñecía a Birame, pero Birame sabía moito de Valerón e da Coruña porque este era o seu destino, aquí vivía unha sobriña. Pasou por Las Palmas e Alacante antes de que lle deran un billete de bus para Coruña. “Naqueles anos entrar ou non entrar era cuestión de sorte, non había os problemas que hai hoxe. Eu tiven sorte e déronme o billete”. Empezou vendendo discos e deuvedés na rúa mentres comía e durmía na casa da sobriña.

Hoxe Birame é un home casado que desde maio deste ano ten a súa muller, Thiaba, na Coruña. E desde fai un par de anos mantén un envío regular de material deportivo á escola de Hann Bel Air. O Sporting de Celanova é o último equipo que lle prometeu axuda. Celanova queda lonxe da Coruña, pero Birame ten facilidade para coñecer xente grazas ao fútbol. Mostra a súa foto cun dos equipos da escola de Celanova no campo da Grela, alí están os rapaces e Miguel e Joaquín, os adestradores.  

Pouco despois de chegar á Coruña, Birame empezou a xogar no equipo de Miño; despois estivo dous anos no Bemantes, outros dous no Almeiras de Culleredo, e no 2010 xogou no San Pedro. Tivo un susto. “Sentíame mal e fun ao hospital, dixeron que si podía ter un tumor na cabeza, logo resultou que non, pero entre proba e proba estiven uns días alí. Os compañeiros decidiron chamar a Valerón, e veu a verme. Trouxo unha camiseta e deixoume seu número de teléfono. Desde aquel día, sempre tiña dúas entradas para o partido do Dépor. Este ano, cando Las Palmas veu a Riazor, paseime polo hotel para tirar unha foto con el”.

A camiseta de Valerón y o exemplo de Mali Djon en Kuwait déronlle a idea. Ademais dos equipos nos que xogou, Birame conseguiu material do Once Caballeros, da Peña Globo, do Eirís, da Torre e do Marabillas. Balóns, mochilas e botas empezaron a viaxar e contedores ata Dakar. Alí seu tío, Ouseno, e os adestradores, Dudu e Aliou Badara, encárganse de recoller o material.
“Gustaríame que moitos rapaces de Hann Bel Air e de Dakar e de todo Senegal viñeran a Europa como futbolistas, que aprendan a ser bos estudantes se queren xogar, que non tiveran que coller o caiuco. Ese é o meu proxecto: devolver a axuda. Eu tiven sorte”.

Agradecido polo fútbol