A Asociación Veciñal Agra inaugura a exposición “A paisaxe dos valados”
A exposición, que estará no vestíbulo do Centro Ágora de 16 a 28 de maio, é unha selección das fotografías de valados tradicionais que realizou Maribel Valdivieso ao longo dos anos.
“Os nosos marcos, as molduras que enmarcan a terra, que é para quen a traballa. O valado formou parte da nosa paisaxe no espazo e no territorio, e así debera seguir sendo. Non entendería a súa desaparición sabendo que son un piar fundamental da nosa arquitectura tradicional mais tamén os reivindico como vangarda, axudando a debuxar e compoñer a paisaxe e dándolle vida ao rural; os valados son como as veas que se espallan polo territorio e moitos xa precisan de transfusión. Esta é a miña pequena achega a esa revitalización que penso é necesaria.”
Maribel acompaña estas fotografías con textos de diversas autoras e autores, para celebrarmos tamén as nosas Letras. Achegamos a imaxe dalgúns dos marcapáxinas ao dispor do público asistente (até esgotar existencias).
Esta exposición é parte do programa "Agra no Ágora", unha oferta cultural de entrada é libre e gratuíta, en que colaboramos ao longo do ano co Concello da Coruña. No mes de maio terán lugar tres eventos arredor do Día das Letras e do Día da Biodiversidade: exposición "A paisaxe dos valados" de Maribel Valdivieso, conferencia "Valados con vida" de Ramsés Pérez e o festival "Ferrados de Letras".