Parque da Agra
Un paso máis á procura dun parque no barrio da Agra do Orzán
Comentario da Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán “Agra” sobre o informe exposto na Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para a Modificación puntual do PXOM no ámbito do polígono M22 Parque do Agra, A Coruña
Hoxe en día somos conscientes xa da importancia dos espazos verdes de uso público nas cidades polos beneficios para a saúde tanto física como emocional, por seren lugares de encontro e lecer que contribúen ás nosas relacións sociais, e porque para algúns cidadáns supón a única aproximación á natureza. Por tanto, unha das estratexias para conseguir unha cidade sustentable e de calidade é a de mellorar os nosos espazos públicos facéndoos más inclusivos e multifuncionais, e aumentando as zonas verdes, tratando a vexetación como unha infraestrutura esencial para a vida na cidade.
Con todo, hai zonas da cidade onde conseguir isto faise moi complexo pola súa propia configuración urbana, como ocorre no barrio da Agra do Orzán, un dos barrios que medra a partir dos anos 70 a ritmo acelerado e desordenado. É este un barrio de rúas estreitas convertidas en espazos de circulación e estacionamento, sen apenas espazo para camiñar e moito menos para poder pararse, sentar ou facer algunha actividade lúdica. Os únicos espazos libres do barrio son a Praza das Cunchiñas e a Rúa Barcelona, espazos sobrecargados e insuficientes para acoller as demandas da súa densa poboación.
É por isto que presentamos este comentario á Modificación Puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal de A Coruña no ámbito do Polígono M22 “Parque do Agra” e o seu Documento Ambiental Estratéxico (presentados polo Concello da Coruña e postos a exposición pública pola CMATV), pedindo que se esgoten as vías para a rebaixa da súa edificabilidade; tomando como principais argumentos os seguintes:
A alta densidade de habitantes, a escaseza de espazos públicos de calidade e zonas verdes, e a mala configuración do seu espazo público; o que fai do Parque do Agra un espazo libre imprescindible para o barrio.
O Barrio da Agra do Orzán é un dos barrios máis densamente poboados da Coruña. Os seus case 30.000 habitantes (máis do 12% dos habitantes da cidade) conviven nun espazo cunha densidade de poboación de case 70.000 habitantes/km2, mentres que a media da cidade da Coruña é de 6.500 hab/km2.
A necesidade do Parque da Agra como parte dun sistema de espazos libres de calidade no ámbito do barrio.
Os datos anteriores son mostra da súa extrema falla de espazo público e de zonas verdes, situándose os seus principais equipamentos e zonas verdes fóra do barrio. Neste senso, diferentes colectivos e asociacións, nomeadamente a Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán “Agra”, vimos reclamando dende hai anos que non se edifiquen os terreos do Observatorio e o Campo da Burra e se transformen no Parque da Agra. Se ben é certo que este parque non solucionará por completo a súa falla de espazos verdes, tanto por dimensión como por situación, a realidade é que é o seu último espazo libre e, por tanto, non só é unha oportunidade de paliar a falla de espazos verdes, senón de evitar agravar os problemas do barrio densificándoo inda máis.
En canto ao seu valor como espazo libre e zona verde pública, o ámbito do polígono M22 debe ser un máis dunha rede de parques que osixenen o tecido urbano deste ámbito, xunto a Santa Margarida, O Vioño, Paseo das Pontes e Visma principalmente. Teñamos en conta que a superficie que delimita esta modificación puntual do PXOM é de case 24.000m2 (2.4 hectáreas) -algo máis de dúas veces a praza de María Pita; mentres que o Parque do Vioño, por exemplo, ronda os 39.000m2; xa que logo, inda que toda a superficie do polígono fose cualificada como zona verde tampouco sería algo desmesurado nin moito menos). Porén, na modificación puntual establécense como espazos libres só 13.508m2; a isto hai que sumar que non todo este espazo é utilizable como lugar de estadía e actividade pois, mentres parques como o do Vioño teñen un terreo practicamente chan, o espazo do Observatorio e o Campo da Burra ten zonas de elevadísima pendente.
O gran problema de densificar inda máis o barrio.
A edificabilidade contemplada para o polígono M22 non só supón a última oportunidade de osixenar o barrio cun espazo verde o máis amplo posible, senón que suporía aumentar inda máis a densidade de poboación, coas consecuencias que isto leva aparelladas (aumento dos fluxos de tráfico, maior poboación para unha rede de servizos e espazos públicos xa saturada etc). Ademais das consecuencias que pode ter para as zonas arredor do polígono, pois a rede viaria interior deste ámbito ten unha sección escasa e aumentaríase a presión sobre ela.
CONCLUSIÓN: VÍAS PARA A REBAIXA DA EDIFICABILIDADE DO POLÍGONO NON ESGOTADAS
Debido a todos os problemas da configuración urbanística do barrio, coidamos que deberían esgotarse todos os mecanismos factibles para rebaixar a edificabilidade do polígono antes de desenvolver este solo urbano non consolidado.
Enténdese que estes mecanismos poden ir dende a negociación entre as diferentes administracións propietarias de solo no polígono para a anulación da edificabilidade que lles corresponde, á busca de permutas de edificabilidade noutras partes do termo municipal ou á compra de edificabilidade por parte da administración pública.