Barrios
A Silva espera polo Dillo Ti cunha ampla lista de pequenas demandas
A veciñanza pide que se repare o asfalto, ampliar as beirarrúas e os puntos de luz, ademais dunha urxente limpeza do parque e das leiras abandonadas.
A Silva é un barrio rural a tiro de pedra das moles do Ventorrillo atrapado entre o polígono da Agrela, onde hai corenta anos estaban as terras de labranza de moitos dos veciños, e a nova terceira ronda que pechou definitivamente as comunicacións a pé con Bens e San Pedro e esixiu dun longo conflito para o desaloxo das chabolas de Penamoa. Foron anos duros pero non os máis duros dun asentamento de dous séculos que viviu a represión da Guerra Civil e inda recorda a veciños daquela célebres que foron executados, como Arturo Meirás, boxeador e anarquista paseado no 36, a casa segue en pé.
Aquí tamén naceu Pucho Boedo, na costa do lugar de Avenela, onde se levanta o Centro Cívico, escenario hai uns días dun encontro veciñal coas técnicas de Participación e que en menos de 48 horas (o sábado ás 12) acollerá o Dillo Ti, a visita mensual do goberno aos barrios, desta volta, por fin, María Pita sube até A Silva, onde as veciñas e os veciños agardan cunha gran lista chea de pequenos desexos. Estes son algúns deles:
Beirarrúas ben dereitas e sen obstáculos. A entrada desde O Ventorrillo presenta o primeiro obstáculo, un galpón que interrompe a beirarrúa da man esquerda e estreita a calzada. Da outra man, despois dunha casa abandonada que tamén rompe o aliñamento, a beirarrúa quedou a medio rematar, din os veciños que porque o Concello non soubo negociar co propietario dunha vivenda (foto de abaixo).
O paso a vehículos e peóns volve estreitar na zona de maior concentración de casas. Os veciños reclaman que o Concello negocie, desta volta con eficacia e cunha xusta compensación, cos propietarios dunha vivenda abandonada para que tiren coa escaleira actual e a constrúan doutra forma para ampliar o espazo.
O firme da estrada, pola que tamén deben circular os peóns, está en mal estado. As mobilidade melloraría con beirarrúas a ambos lados, onde se poida, pero sobre todo, eliminando os obstáculos. Hai peches de fincas que se fixeron gañando un metro á estrada. E mesmo hai obstáculos nas marxes para dificultar o aparcamento que son un perigo para os viandantes (ver a foto seguinte).
Recuperar camiños e mellorar o alumeado público. Os problemas de mobilidade non paran aí. Os veciños sinalan varios camiños (A Silva-Penamoa, Cances-As Reixas, Cances-Bens…) que son intransitables porque non se fai mantemento. E son camiños públicos. Vellos, si, pero útiles: por exemplo, din, para pasear sen ter que compartir espazo cos coches. A demanda ao Concello é ben precisa: que limpen e que negocien para abrir camiños que foron pechados pola imprudencia dalgunha veciña. Na fotografía de abaixo obsérvase o paso tapiado do que contan os veciños é a metade que queda do que foi un camiño de carros.
E a seguinte fotografía é dun banco improvisado polos veciños na estrada onde antes estaba o lavadoiro público e inda hoxe consérvase unha fonte que era dun caño e a que lle espetaron dous máis sen atender moito ao gusto nin a utilidade. O caso e que nese tramo, durante os meses do inverno, a visibilidade é nula pola noite. O Concello baixara a intensidade das luminarias para aforrar, pero agora os veciños precisan máis puntos de luz porque non se ve.
A imaxe do banco tamén dá conta doutro problema que denuncian os veciños e que afecta a esta zona de Cances e a todas as demais da Silva. É una cuestión urxente. Case de emerxencia agora que se aproxima o verán e o monte está cheo de combustible. A foto de abaixo é a vista desde o banco:
Toxos, herba, leiras e parques sen limpar cerca das casas. No parque da Fontenova manda a herba da Pampa. Na Silva e en Cances a invasión é a do abandono. Mesmo nese parque que se fixo detrás dos dous mamotretos que a construtora Teconsa deixara a medio rematar hai dez anos e que só serviron para aloxar, como ocupas, algún tempo aos desaloxados de Penamoa (imaxe de abaixo). A parte pública do terreo, límpase de moi cando en cando. Hoxe está chea de maleza. O solar que ía servir para levantar máis mamotretos, privado, apenas se limpa e xa ardeu algunha vez e foi preciso que viñeran os bombeiros. Aquí hai alarma certa polo risco de lume no monte que eran leiras. Na Pena da Rula, en Cances, onde o banco improvisado, mana a auga e medra a herba ao carón das casas. Un pouco máis arriba, no monte, os camiños desapareceron entre os toxos.
O patrimonio e o saneamento. A lista de demandas e longo porque son moitas cousas, non moi grandes. Os veciños miran cara a fontenova con pena. Recuperouse cando levantaron as torres xunto a avenida de Finisterre, e así está: como mostra a imaxe de abaixo, perdida nun parque sen coidar. O do lavadoiro é peor, nin sequera se ve. Din os veciños que é o único que queda na Coruña e queren recuperar a zona para lecer e, se cadra, para hortas urbanas.
Hai máis cousas pequenas e urxentes. No lugar do Curro, diante do Centro Cívico, brota auga debaixo dunha casa vella e no inverno convértese nun regato rúa abaixo. No mesmo centro social denuncian problemas co saneamento dunha vivenda próxima que verte cara o patio. Pero o centro tampouco quedou ben rematado e mesmo se ven tubos desde a costa da Avenela, na mesma parede onde unha placa lembra a Pucho.
E tamén están as fochancas, incómodas para os coches e moi perigosas para os peóns cando non hai beirarrúas ou estas son estreitas. A Silva precisa unha man de asfalto na calzada. Pero precisa moito máis. Cousas pequenas.
Un gran espazo verde para a cidade. A maioría dos veciños conformaríanse con ter un parque de verdade, coidado, na Fontenova. Ou mesmo cun banco no pequeno xardín da Pechiqueira, preto da casa de Arturo, o boxeador, que non ten banco nin uso porque é bonito pero non ofrece máis ca sombra. Pero hai quen soña con algo máis grande. Cun parque onde antes estiveran as chabolas de Penamoa (a última das fotografía), un parque que ligue A Silva con Bens e con San Pedro, como cando os camiños eran transitables. Un pulmón para esta cidade, di Beatriz, a veciña que fixo de guía no paseo desta mañá e que espera moito do Dillo Ti do sábado.