Oficios

A tenda máis antiga do barrio fundouse en 1942

Luis Pita e hijos, que vai pola terceira xeración, empezou como mercería e hoxe vende roupa de cabaleiro.

A tenda máis antiga do barrio fundouse en 1942
Luis Pita coa filla na tenda da avenida Finisterre
Luis Pita coa filla na tenda da avenida Finisterre.

Estas son notas dunha conversa que resume en media hora unha historia de 75 anos, fíos da vida dun barrio, o da Agra, vista a través dos cristais da tenda que foi dos pais, logos deles, hoxe da filla. A tenda máis antiga da Agra do Orzán é un comercio de roupa que este mes celebra o 75 aniversario. Sempre estivo no mesmo sitio, na esquina da avenida Finisterre coa praza de Tornos. Chámase Luis Pita e hijos.

“Sempre estivemos aquí. Antes era unha casa de baixo e piso. Ao lado de arriba, onde o Inem, estaba o bodegón do Horacio. O herdeiro morreu hai anos e deixoulle todo a Xunta. Máis arriba estaba unha cuadra de cabalos, era da Evangelina e do Miguel. E despois, as escolas. E o bar do Amaro e despois o ferrador das cabalarías. A tenda abriuna meu pai no ano 42. Daquela os clientes eran a xente das aldeas. Por aldeas refírome ao Ventorrillo, A Silva, A Moura, Meicende, Bens, Arteixo, Loureda… Viñan vender o que tiñan e tamén compraban”, conta Luis Pita, que era un neno de 8 anos cando o pai abriu a tenda. Luis estudou na Academia Galicia, fixo o bacharelato, pero xa tería os vinte, non precisa cando, decidiu empezar no negocio familiar. Despois casaría con Concepción, que vivía do outro lado da rúa Finisterre e que estudou para mestra.

“Casamos no 61. Eu era mestra. Recordo que se vendían zapatillas. Moita xente andaba descalza. Abríase tamén os domingos porque os obreiros e os empregados cobraban a paga por semana. E entón tiñan cartos e compraban moito aos domingos. Este era un barrio pequeno. Xente pobre. Necesitada, pero honrada. Podían quedar a deber, que sabías que volverían a pagar”.

A feira e a poza

Luis mira pola porta cara a praza de Tornos. “Esas casas de aí non estaban. Eran fincas. O que había era unha fila de casas San Lucas abaixo. Moi antigas. Aquí, os mércores había unha feira grande. Era o campo da feira. E ese día vendíanse porcos. Viñan tratantes de todas partes. O Salvador, aquel de Vilaboa, o da Infesta... non lembro os nomes. O comercio era de mercería e paquetaría. Tiñamos de todo, roupa interior, tecidos, percales, mahones, combinacións, e as zapatillas, si, que eran La Cadena. Abríase de luns a domingo e había sempre xente. O pai levantábase cedo e ás sete e media xa tiña xente petando na porta. Porque por toda a rúa Finisterre facíase un mercado co que traía a xente das aldeas”.

Nesta parte da avenida so queda en pé unha casa de cando Luis era neno. A da farmacia, cen metros más abaixo. “Somos a tenda máis antiga, porque a farmacia foi posterior. Eran todo casas como esa, construíraas Mantiñán, o de La Herculina. Enfronte tiña a ferraxería El Arado. O negocio que máis anos tería era o ultramarinos Los Cubanos, pero xa pechou hai moito”. Tampouco estaba a igrexa. “Aí estaba o cine, e ao lado unha pista de baile, porque a rúa Fuente Álamo no miraba cara aquí, senón cara abaixo. E detrás do cine había unha poza, non era moi fonda. Nos veráns bañábamos nela e non recordo que se afogara ninguén. O inverno duraba seis meses. Durante o curso eu baixaba á academia moi abrigado, e de outubro a marzo podías camiñar polas beiras da poza, pisando xeo. Toda esa parte de alá eran fincas e leiras”.

Luis empezou na tenda ao 20 anos, a filla espera xubilarse aquí

“Casamos no 61 e a casa tirouse no 64, así que fomos para a rúa San Isidoro coa tenda. Fomos para ano e medio, até que se rematase o edificio novo e quedamos alá 35 anos”.

Volve falar Concepción, que non quixo saír nas fotografías e vai e vén dunha cadeira no centro da tenda. Está con eles a filla, Raquel, de 45 anos, que tamén vén e vai da conversa, atenta aos clientes que entran, a responsable actual, “inda que meus pais seguen vindo por aquí a diario, é a costume”.

“Meu pai fixo o mesmo”, di Luis, “morreu con 94 anos e sempre pasaba pola tenda. Era a súa vida”.

“De paso que se fixo a reforma cambiouse tamén a tenda porque pasamos a especializarnos en cabaleiros. Traxes e confección. E houbo que seguir especializándose. Nun momento dado decidimos deixar o traxe e centrarnos nos pantalóns, camisas, complementos, no punto”.

Unha conquista e dúas tendas

“Empezamos pechando os domingos e aguantando as multas por non abrir. Estaba perseguido. Pero houbo unión entre os comerciantes. E moitos anos despois, mesmo con manifestacións, conseguimos pechar tamén os sábado pola tarde. Foi nos anos setenta, unha conquista. Nós traballabamos moitas horas. Polas mañás, con moito público. Estabamos as veces até as tres ou tres e media. Até que apareceron as grandes superficies, non volveu isto de abrir todos os días. Esta foi unha zona moi comercial moitos anos antes de que a rúa Barcelona se convertera en peonil”.

“Cando a refinaría foi de novo un bulir de xente”, anota Concepción desde o asento. “Antes nin pasaban coches. O do médico. E os autobuses, contados. Estaba o do Benito, que era de liña regular”.

No 65 tiveron dúas tendas. Esta e a da rúa San Isidoro. No 65 e os 35 anos seguintes. “Porque marcharamos por un ano e aquilo resultou ser un bo negocio. Era unha zona de moito paso. Entre dous mercados, o das Conchiñas e o de abaixo. Meus pais quedaron nesta tenda, e primeiro vin eu e Concha quedou atendendo a de alá uns anos”.

Raquel conta que ela creceu no negocio e que en determinado momento deixou os estudos. Montaron un vídeo club do outro lado da avenida. Levouno ela durante case vinte anos, antes de facerse cargo da tenda de roupa. Luis Pita e hijos. Houbo momentos duros que asoman en forma de tímidas bagoas. Son tres xeracións e a cuarta está ás portas. “De momento, estudando”, di Raquel. “Penso que seguirán por aí, pero a min gustaríame xubilarme aquí, claro”.

Exterior da tenda co cartel do aniversario

O segredo

“O segredo está no trato personalizado, temos clientes que son fillos de clientes. Ofrecemos un asesoramento, e os clientes confían”, explica Raquel. “E hai outras dúas claves: ter unha gran colección e prendas de moita calidade”. Venden vaqueiros Lee ou Wrangler, cazadoras, punto e complemento de Pertegaz. Teñen apenas un provedor galego, pero manteñen desde a apertura hai tres cuartos de século a súa relación comercial con Industrias Valls, o da marca Punto Blanco. “Oxalá viñera máis comercio para esta zona, inda recordo coller o bus na rúa Barcelona que parecía estreita polo tráfico”.

“Na crise estamos todos, grandes e pequenos. E a base dos pequenos é a especialización. Penso que nun futuro será vender unha ou dúas cousas. Non sei, unha tenda que só venda calcetíns, por exemplo?”, sinala Luís. “Antes tiñamos moitos produtos. Recordo cando deixamos a bata de cabaleiro. Eran moi boas. Non quedou nin unha. Logo deixamos os traxes. Así foi sempre. Unha vez vende calquera; o difícil e que volvan entrar. Temos clientes de toda a vida, si; e dalgún xa empezan a vir os netos. Non sei se os meus seguirán co negocio. Pero nos estamos moi agradecidos a todos por todos estes anos”.  


 

A tenda máis antiga do barrio fundouse en 1942