Polo, unha mirada desde a Arte

Fai algún tempo que queríamos falar con Polo, moita xente no barrio falounos dela, suxerindo que era unha persoa que tiña moito que contar e aportar. Lográmolo e mereceu a pena.
Polo, unha mirada desde a Arte
polo no TALLER 2022
Polo no taller

Aquí a conversación que tivemos, na que tratamos de transmitir a súa mirada artística sobre a vida, a xente, o barrio…

Polo defínese como unha artista e mestra de Artes Plásticas no seu TallerdePolo.  Dedícase ás Artes Plásticas e da clases a nenos e nenas a partir de 6 anos hasta persoas maiores sen límite de idade. A súa traxectoria ven dende o ano 2000 e o Tallerdepolo comezou no ano 2005.

Dinos “comecei a pintar tarde” e o entrecomillo, porque calquer idade é boa para comezar a facelo. Tiña sobre 26 anos cando descubro a miña vocación, que foi debido a unha crisis vital. Un amigo me aconsellou que pintara, aí descubrín un mundo que me fascinou e un abano de posibilidades tremendo, tanto de coñecerme a min mesma, de coñecer e descubrir moitas cousas, como a cor, as formas, ou mirar ao redor con outra curiosidade… todo iso abriu me moitísimo a mente e creo que aportoume benestar, non de un día para outro, pero hai un proceso de mellora interior que ten que ver con coñecerte a ti e entender dalgunha maneira o mundo.

Dígolle ás miñas alumnas “hai cousas que dependen de ti e outras non” saber o que depende de ti é importante para poder actuar en consecuencia e a parte que non podes controlar… abordala dende esa  mirada, estar máis tranquila ao respecto. 

Foi unha sorte esa experiencia, a miña profesora de pintura que foi María José Barbeito, unha muller marabillosa, moi boa persoa e moi boa pintora, facilitoume entrar no mundo da arte dunha maneira fermosa e a partir de ese momento animeime a entrar na Escola Pablo Picasso. Esa formación axudou a ampliar a miña visión das artes; estudiei Técnicas de Volume, o que sería como Escultura Aplicada, é un mundo fascinante. 

A expresión na cara de Polo  se ilumina falando da súa experiencia e aprendizaxe coa Arte

Que é o Tallerdepolo?

É un espazo que promove a apertura da creatividade. O mesmo que me pasou a min, encontrarte con límites que te pechan, encaixada, e que crees que non vas a poder saír de eses límites, a miña vivenza foi que por medio da arte, da pintura, puiden saír e superar certos límites, e agora estou facendo un estilo de vida que igual non faría senón descubrira a vivenza coa arte.

Co alumnado, ademais de aprender distintas técnicas (óleo, acuarela, colaxe, etc), abrimos esa posibilidade, se elas queren, de poder explorar novos camiños para a súa creatividade.

Procuro traballar con grupos pequenos, sobre 6 persoas, co fin de ter un trato moi persoal e poder así profundar no aprendizaxe de debuxo, pintura… como tamén na parte mais subxectiva da persoa e das súas buscas.

Para pintar tes que poñer en marcha moitas variables, observar, ver as cousas desde diferentes ángulos: dende arriba, dende abaixo, dende os lados, as luces e as sombras... e aprender a representar o que ves e plasmalo nunha superficie plana, e iso metaforicamente trasladalo á vida é moi enriquecedor, facerse mais flexible, entender as cousas, entender ás outras persoas, conectar variables distintas, é unha estrutura moi completa. Co trato personalizado nas clases podes dar ferramentas plásticas axeitadas a cada estudante para que se lance a explorar e investigar a medida que sinta a necesidade de expresarse. 

actividade
actividade

Tallerdepolo e o barrio

Eu vivo nos Castros dende fai vintepico anos, levo vinculada ao barrio fai moito e coñezo moitas persoas no barrio e coñécenme a min tamén, aquí fago a miña vida cotiá; compro no barrio o que necesito porque me parece necesario manter a presencia do pequeno comercio nas nosas rúas. 

Tamén entendo que no barrio se reproduce en micro todas as dinámicas que pode haber en espazos mais grandes e incluso a nivel planetario, son como ecosistemas, e aquí a man temos un ecosistema no que influímos cada unha/un de nos. 

Eu trato de compartir e aportar dende as artes, facendo actividades como, por exemplo, unha convocatoria de arte postal, mailart, feita xunto ao querido mailartista Carlos Botana (falecido o pasado ano). Nela propuxemos o tema Neighborhood, barrio e recibimos duascentas pezas de arte postal de artistas enviadas dende diferentes barrios do mundo, dende Turquía, Xapón, EEUU, Italia, etc. Compartimos unha exposición das pezas aberta ás xentes do barrio e fixemos un taller de arte postal aberto a quen quixera participar na rúa. 

Tamén fixemos un fanzine de barrio con un pequeno grupo de mozas e mozos e no que participaron varios comerciantes do barrio, xusto no momento da pandemia, e foi moi emocionante o nivel de implicación e conexión entre mocidade participante, artistas e comercio local que colaboraron nun momento tan sensible. Foi unha experiencia única. 

No 2022 a Asociación de Comerciantes de Oza lanzou a convocatoria do I Concurso de debuxo en Samaín e tiven o pracer de colaborar coa organización nunha actividade preciosa, que tivo moi boa acollida polas familias do barrio e arredores. Participaron un montón de nenas e nenos, e agora están vindo unha nena e un neno a clases, xa que foron os ganadores do concurso e as clases foi un dos premios. 

As artes teñen un poder de transformación na nosa vida?

Si, pode ser a nivel persoal, que che permite escarvar dentro de ti e sacar fora cousas, pero tamén pode ser unha transformación social, como poñer en relación a xentes que igual doutra maneira non se coñecen, e levar a cabo un proxecto creativo que xere moita ilusión e potencie o cambio. Como os exemplos que falabamos antes; no caso da arte postal conectar barrios en distintos lugares do mundo a través da arte ou no caso do fanzine conectar distintos axentes do barrio, poñelos en relación e xerar ilusión e vínculos novos a partir dunha proposta de creación conxunta. 

Proxectp TRANSITANDOARTE en Palavea foto de ROIALONSO acrilico de polo
Proxectp TRANSITANDOARTE en Palavea foto de ROIALONSO acrilico de polo

En que andas agora?

Ando coas clases no taller, con moitas propostas de diferentes talleres que irán saíndo estes meses e veredes na web ou nas redes sociais e comezo o segundo taller de arte terapia na Escola de Benestar e Apoderamento para Mulleres do Concello. Creo que está completo o curso pero é bo anotarse e, se falla alguén te poden chamar. A información completa está en coruna.gal, a páxina do concello. 

En primavera faremos unha exposición (na Casa Museo de María Pita) de traballos do grupo de Laboratorio Creativo. Un grupo de mulleres que se reúne unha vez ao mes no Tallerdepolo para desenvolver cada seu proxecto creativo. Eu vou guiando e facilitando o proceso creativo do grupo. Miramos e experimentamos con diferentes técnicas para expresar e abrir un camiño de creación e compartimos nun espazo seguro os nosos pasos e avances. 

Isto é para comezar o ano e seguro que vamos a ir xerando un montón de talleres e actividades. 

Animo a todo mundo a facer unha actividade artística, pode ser pintar, debuxar, cerámica, escribir poesía, bailar, calquera actividade que sexa expresar e observar o mundo e logo trasladalo a outra forma de expresión. 

Para poñerse en contacto con Polo:

  • Teléfono: 617 29 30 24  
  • Escribirme por correo a [email protected] 
  • Instagram: polo_taller depolo
Polo, unha mirada desde a Arte