BNG | nota de prensa
O BNG convoca a Comisión de Educacion e Cultura para o goberno local dar conta da situación das bibliotecas municipais
A Coruña, a 15 de setembro de 2022. A concelleira do BNG Avia Veira, na súa calidade de presidenta da Comisión de Educación e Cultura do Concello, acaba de convocar unha reunión deste órgano para que o Goberno Local dea conta da situación que se está a vivir nas bibliotecas municipais xestionadas por unha empresa privada.
“As bibliotecas municipais”, refire Veira, “volven ser noticia porque a concesionaria insiste en que non ten solvencia, o que eventualmente podería derivar en novos problemas para as traballadoras á hora de percibiren con normalidade as súas nóminas”.
Cumpre lembrar que no pasado mes de xullo o Executivo coruñés chegara a uns compromisos co cadro de persoal para ir a unha nova contratación do servizo con carácter urxente (en diálogo co comité de empresa) e para estudar tamén a remunicipalización destas bibliotecas.
“Como a estas alturas disto non se sabe nada de nada, desde o BNG convocamos a Comisión de Educación e Cultura para o Goberno Local comparecer e dar conta sobre se realmente está a cumprir con estes compromisos”, di Veira, quen remarca que “é completamente inxusto que as traballadoras estean de novo a vivir nunha situación de incerteza”.
Na orde do día da Comisión figurarán tamén, como asuntos a tratar, o feito de as escolas infantís municipais ofreceren menos horas lectivas gratuítas do que as dependentes da Xunta e privadas (6 horas naquelas fronte 8 nestas) e a avaliación da programación cultural que se segue desde o Concello.