BNG | nota de prensa
O BNG denuncia que o contrato do servizo de axuda ao domicilio leva un ano caducado
A Coruña, a 21 de febreiro de 2022. Hai practicamente un ano que caducou o contrato do Servizo de Axuda ao Domicilio (SAD II) formalizado en abril de 2017 e que desde aquela altura xa foi prorrogado. Pois ben, nestes momentos non temos ningunha información sobre cando o Goberno Local pensa licitar o novo contrato, de aí que a nosa concelleira Avia Veira acaba de rexistrar unha pregunta por escrito ao Executivo coruñés a este respecto.
"A prórroga do contrato deixou no limbo as traballadoras do SAD. O lóxico é que o nos pregos da nova licitación se inclúan melloras na prestación de servizo e nas condicións laborais", alega Avia Veira. As traballadoras teñen denunciado a situación de precariedade en que se achan -sendo que o seu convenio leva sen se actualizar desde 2011 "e o prezo por hora, fixado pola Xunta, queda nunha cantidade moi baixa, co cal o negocio fano as empresas que contratan coa administración e que logo pagan ese prezo por hora tan baixo ás súas empregadas".
"Non se comprende este abandono, esta falta de atención por parte do Goberno Local", denuncia Avia Veira, quen lle pide ao Executivo coruñés que manteña un diálogo coas persoas usuarias "e co persoal que leva a cabo os traballos do servizo de axuda ao domicilio".