eleccións municipais
Avia Veira anuncia que a partir do 28 de maio A Coruña terá un goberno aliado da cultura
"A cultura require dunha responsábel política que se dedique a ela a tempo completo. A Coruña necesita volver ter a Concellaría de Cultura. O BNG desde logo garante iso", anunciou Avia Veira durante un encontro con representantes do tecido cultural da cidade. A número dous da candidatura do BNG sinalizou a súa preocupación polo estado da cultura na cidade e asegurou que o Goberno Local que se formará a partir do 28 de maio será un aliado da cultura coruñesa.
O encontro, que tivo lugar no Hotel Riazor, serviu para presentar o programa cultural do BNG para a cidade, feito en colaboración co sector cultural. "As políticas que nesta área faremos desde o Goberno da cidade estarán protagonizadas e lideradas polas artistas e os artistas coruñeses", asegurou Mercedes Queixas, número tres da candidatura.
Avia Veira destacou a importancia da cultura na cidade e recordou a importancia das infraestruturas culturais existentes, como o Coliseum, o Pazo da Ópera, o Ágora, a Sala Túnel, os teatros Rosalía e Colón, e as bibliotecas municipais. Porén, apuntou que a cultura non contou coa atención necesaria por parte do Goberno Local: "As constantes mudanzas á fronte da Concellaría haille que sumar tamén as que se produciron á fronte da Dirección de Área de Cultura ou mesmo da xefatura de servizo. No seu momento vaticinamos que a asunción das competencias directamente por parte da alcaldesa ía abocar as políticas culturais que se fan desde o Concello ao fracaso."
Avia Veira lanzou unha mensaxe de esperanza ao tecido cultural coruñés e prometeu que, con vontade política, a cidade pode recuperar o tempo perdido e desenvolver todo o seu potencial creativo. "Podemos recuperar o Museo de Arte Contemporánea. Podemos recuperar a Festa do Libro. Podemos recuperar o que non se recuperou nin neste mandato nin no anterior. Mais para iso é preciso un goberno en María Pita que crea na cultura da cidade e que se esforce para que a creación artística, e tamén a actividade económica e o emprego a ela asociada, desenvolvan todo o seu potencial", concluíu.