Entrevista a Francisco Jorquera, candidato do BNG á Alcaldía da Coruña
Francisco Jorquera: “aportamos experiencia, capacidade, solvencia, ideas claras e un proxecto claro de cidade”
Francisco Jorquera, o candidato á Alcaldía da Coruña polo BNG, ten 57 anos, é Licenciado en Historia. Foi senador, deputado no Congreso e no Parlamento galego. Foi o candidato do BNG á Presidencia da Xunta en 2012. Preside a Fundación Galiza Sempre.
- Que experiencia de goberno nos concellos achega o BNG?
- Creo que en primeiro lugar aportamos experiencia, porque eu creo que en estes últimos catro anos en Coruña un dos problemas foi a inexperiencia do goberno municipal, a ausencia de proxecto, os graves déficits de xestión... aportamos experiencia e aportamos ter ideas claras e polo tanto ter un modelo para os Concellos. Creo que en Galiza todo o mundo coñece Allariz, é unha referencia de un concello de interior que desde que goberna o BNG conseguiu rehabilitarse, é un referente en todo o país. Tamén en Galiza temos a experiencia de Pontevedra que se está convertendo en un auténtico referente internacional como modelo de calidade urbana e unha cidade a escala das persoas e non comida polos coches, pero sen ir tan lonxe, aquí en Coruña temos a Carballo, que me leva a lembrar o vello dito castelán que di “quién te ha visto y quién te ve”. Unha vila que tiña enormes déficits pero todo o mundo pode constatar como se revitalizou e cobrou vida, como mellorou na súa calidade urbana desde que goberna o BNG. Po lo tanto se o teño que resumir, o BNG aportamos experiencia, capacidade, solvencia, ter ideas claras, ter un proxecto claro de cidade.
- Se agora gañase as eleccións municipais o BNG, dentro de 4 anos en que cambiaría A Coruña, que transformacións propoñedes?
- En primeiro lugar faríamos unha aposta decidida por un modelo de calidade urbana, entendendo por tal, un modelo de democratización do espazo público, en definitiva un espazo público accesible para todos e todas, independentemente da idade, independentemente da condición funcional, isto significa unha cidade mais accesible, pensada nos peóns non nos coches. Ese cambio de modelo urbano, fai necesario un cambio nas políticas de mobilidade: nós consideramos que a primeira prioridade teñen que ser os peóns e a segunda prioridade ten que ser o transporte público. E necesario unha reforma do transporte público non so para conectar os barrios co centro da cidade, senón os barrios entre si, entres os polígonos industriais, os barrios cos centros de saúde, cambiar as frecuencias, estender o horario de servizo pa que realmente se axuste ás necesidades de mobilidade das persoas.
Un terceiro eixo fundamental para o BNG é outra política de vivenda, que asegure que o dereito a unha vivenda digna sexa un dereito básico protexido, por iso apostamos a por transformar EMVSA en unha empresa municipal de vivenda, creemos que é necesario un parque de vivendas de titularidade pública que facilite o acceso á vivenda e contribúa a baixar o prezo dos alugueiros. No noso programa contemplamos un banco de vivendas destinadas a aluguer que se nutra tanto de vivendas de titularidade municipal como de vivendas que particulares poñan a disposición de ese banco para que actúe como intermediario para colocalas no mercado do aluguer a un prezo taxado e que favoreza o acceso á vivenda dos colectivos con mais dificultades. Consideramos que é imprescindible unha aposta decidida pola rehabilitación e por suposto para o BNG son imprescindibles as políticas sociais. As políticas sociais contribúen a crear cohesión e evitar situacións de exclusión, que ningunha sociedade minimamente avanzada se debe permitir.
No caso do Agra do Orzán, temos un barrio, probablemente o máis densamente poboado da cidade e con moitas carencias, cal sería a oferta para o Agra do Orzán?
A Agra do Orzán necesita políticas urbanísticas de humanización, e por humanización entendo ampliar as áreas peonís, mellorar a accesibilidade, resolver o problema dos aparcamentos, en ese sentido apostamos, onde sexa posible, crear aparcamentos en altura, crear aparcamentos disuasorios por exemplo na Glorieta do Pavo Real. Esa humanización do barrio necesita tamén impulsar liñas a medio e longo prazo a convertelo nun barrio máis amable, máis agradábel por exemplo unificando fachadas por mazá, cambiando a escala das rúas do barrio significa que cando se tira abaixo un edificio e se constrúa outro novo se vaian igualando as alturas pero por abaixo para que non sexa un barrio cunha densidade urbanística tan forte, tan agresiva. Este barrio ten un problema de zonas verdes evidente, por tanto é necesario dar un impulso, tantas veces prometido e nunca concretado, Parque da Agra no entorno do parque do Observatorio Meteorolóxico e hai un problema moi singular de este barrio, pero que afecta tamén a outros barrios da cidade. Si falamos de accesibilidade que é o envellecemento progresivo da poboación e o problema que teñen moitos edificios que carecen de ascensores, nese sentido nós contemplamos no noso programa crear un servizo de mediación municipal para resolver moitos conflitos dentro das comunidades de veciños que moitas veces dificultan dotar a un edificio de ascensor; a carencia de ascensor está provocando situacións de exclusión totalmente inxustificada, xente maior que vive confinada no seu piso, que non pode saír por ese motivo do piso e non pode facer vida social. E polo mesmo están a devaluarse economicamente os pisos de esta zona e esta inhibindo que se poda instalar neste barrio xente moza por esta carencia, polo tanto é imprescindible abordar ese problema.
Cando falamos de impulsar a rehabilitación, referímonos a cuestións de este tipo, é necesario dotar a todos os edificios de ascensores, asegurar a accesibilidade e desde o noso punto de vista é necesario cambiar as ordenanzas municipais en materia de reforma interior de vivendas para asegurar uns estándares de calidade en canto a habitabilidade, adecuar a oferta de vivendas para aluguer ao que é o perfil do demandante actual; que problema existe en esta cidade, hai moitas vivendas desocupadas que son vivendas moi grandes que estaban pensadas en que a unidade familiar tiña un número de membros medio moi superior o de hoxe. Esas vivendas e moi difícil de colocalas no mercado, creemos que hai que flexibilizar as ordenanzas para poder reformar esas vivendas e adecualas o perfil do demandante actual. Insisto, mantendo sempre uns estándares de calidade e de habitabilidade. E por último, por citar outra liña que lle atribuímos particular importancia: estamos nun barrio que está sufrindo un avellentamento progresivo da poboación, ese require tamén reforzar todos os servizos orientados á xente maior e crear espazos de convivencia e de lecer pensados especialmente para a xente maior; poñer un exemplo de unha reunión que tivemos cas múltiples asociacións coas que estamos a ter interlocución nesta cidade nos apuntaron a idea de destinar moitos baixos baleiros a crear espazos de lecer, de convivencia para a xente maior porque moitas veces os centros de día ou centros cívicos están un pouco afastados, pareceunos unha idea estupenda que imos a recollela no noso programa.
- No caso do barrio de Os Mallos, están moi pendentes da Estación Intermodal, é un barrio que se foi quedando desconectado dos barrios lindeiros, cal sería a oferta para Os Mallos?
- Creo que moitos problemas que sinalei respecto ao barrio do Agra do Orzán, son de aplicación no barrio de Os Mallos, son problemas comúns e polo tanto as respostas son semellantes. Pero aparte de todos estes problemas que enumerei que son comúns, o barrio dos Mallos reúne pola súa ubicación unha posición idónea para captar estudantes que se instalen nas vivendas de este barrio. É un barrio moi próximo aos campus universitarios, esta a beira da estación de tren, moi próximo a estación de autobuses. En este sentido tamén recollemos unha proposta que nos trasladaron veciños, en este proceso de interlocución que estamos a facer, a asociación de comerciantes: favorecer Os Mallos como un barrio que acolla estudantes favorecendo que a rehabilitación de vivendas se adapte ás necesidades dos e das estudantes tanto do que afecta á dimensión de esas vivendas, como servizos comúns ou servizos elementais como un aparcadoiro para bicis. Iso comporta tamén mellorar a conectividade de ese barrio a través do carril-bici e a través doutros sistemas cos campus universitarios e tamén favorecer espazos de convivencia interxeracional. Creo que un barrio onde vivan estudantes, que vivan xente maior é preciso que se dean espazos que favorezan o encontro e a relación, que favoreza intercambio de experiencias, de coñecemento mutuo entre xoves e maiores, é enormemente enriquecedor tanto para o barrio como para as persoas. Por tanto a parte de estas propostas de índole xeral que comentei e que son de aplicación tanto Os Mallos como a Agra, esta aposta por potenciar Os Mallos como unha zona de asentamento preferencial dos estudantes universitarios que se asentan en Coruña, pois é unha das propostas principais que temos para o barrio dos Mallos. E tanto Os Mallos como a Agra do Orzán teñen outro problema común: o comercio na nosa cidade esta vivindo un proceso de degradación, que a nós nos preocupa moito, vivimos nunha cidade que cada vez hai rúas cheas de locais baleiros, o comercio non so é fonte de emprego e de dinamización económica, senón que vivir en barrios que teñan un tecido comercial vizoso fai que esas rúas cobren vida, que esas rúas inspiren seguridade, polo tanto o BNG ten propostas moi ambiciosas para revitalizar o pequeno e o mediano comercio na nosa cidade. Consideramos que hai que potenciar os Mercados Municipais, estes teñen que ser dinamizadores de vida económica e social dos barrios, iso pasa nalgúns casos por reformar eses mercados, pero sobre todo por estender os horarios de apertura, por diversificar a oferta, por compatibilizar a oferta comercial con outros usos que axudarían a dotar de vida a eses mercados, e estou pensando no caso concreto da Agra do Orzán no Mercado de As Conchiñas. Albergar eventos culturais, eventos sociais, obradoiros de artesanía, feiras gastronómicas, pero si falamos mais concretamente do pequeno comercio, nós somos partidarios de desde o goberno municipal incentivar o consumo no comercio de proximidade, incentivar un consumo polo tanto responsable, contemplamos a posibilidade e a necesidade de crear un banco de locais baleiros que se nutra tanto de locais de titularidade municipal como de locais que particulares poñan a disposición de ese banco para que actúe como intermediario para ofertar a comerciantes ou pequenos empresarios que queiran desenvolver a súa actividade neses locais a un prezo taxado e contemplamos tamén en eses locais baleiros unha diversidade de usos, ademais dos comerciais que os consideramos moi importantes. Antes acabo de mencionar un, como é espazos de convivencia e de lecer para os maiores, e crear tamén espazos de convivencia interxeracional.
- Outro punto importante nas municipais é tamén quen vai facer as cousas, Que resaltarías da candidatura do BNG?
- Eu estou enormemente contento coa candidatura que o BNG presenta a estas eleccións municipais. En primeiro lugar estamos sendo un exemplo de como facer as cousas, fomos a primeira forza política en presentar o tándem de cabeceira, o tándem conformado por Avia Veira González, a nosa voceira municipal que fixo un traballo extraordinario en todo este mandato e conformado tamén por min. Fomos a primeira forza política que presentou a candidatura o completo, e ademais completamos a candidatura despois dun proceso de dialogo cun amplísimos sectores da sociedade coruñesa, e o resultado desde o meu punto de vista é unha candidatura conformada por persoas enormemente preparadas, enormemente capaces para imprimir un impulso que esta cidade necesita pero ademais é unha candidatura que sobre todo prima o perfil social, practicamente todas as persoas que integran a nosa candidatura son persoas que participan moi activamente nos movementos sociais ou nos distintos espazos de intervención cívica que hai na nosa cidade, son persoas po lo tanto total e absolutamente involucradas e comprometidas coa vida social, no primeiro tramo hai unha maioría feminina, eu son home pero a número un, a número dous, a número catro son mulleres, a aposta po la igualdade do BNG e totalmente indiscutible e creo que é unha candidatura que ademais conxuga experiencia con renovación, con frescura porque creo que todos eses ingredientes son necesarios na acción política sobre todo se se teñen responsabilidades de goberno. É importante ter experiencia, ter bagaxe, ter solvencia pero é importante conxugar iso ca necesaria frescura, ca necesaria renovación que aportan moitas persoas novas que van na nosa lista.
-Na campaña electoral que limitacións atopádesvos, sentides ben tratados polos medios da comunicación da cidade, sentides que hai certos favoritismos?
Ben, cada medio de comunicación responde os intereses dos seus propietarios e polo tanto cada medio de comunicación ten unha liña informativa acorde cos intereses dos seus propietarios. Pero eu, que son unha persoa que penso que ten unha certa experiencia política, desde aí optei por ter un total e absoluto respecto aos medios de comunicación e de non queixarme o respecto. Creo que todos os periodistas que me coñecen poderán dar fe que sempre fun enormemente respectuoso cos medios e enormemente respectuoso cos periodistas, que son unha persoa totalmente accesible os medios de comunicación e creo que, se unha forza política esta obsesionada por ver como a tratan os medios de comunicación, esta gastando moitas enerxías que era mellor que as destinara a outras cousas. Nese sentido nós estamos apostando por unha campaña centrada no dialogo directo cos cidadáns, na interrelación continua ca sociedade, desde que se escolleu xa fai un ano o tándem de cabeceira, creo que non esaxero se digo que mantivemos cen reunións con entidades, colectivos de todo tipo que existen na nosa cidade, reunións que as fixemos sobre todo para escoitar que problemas vían na cidade, que necesidades de maior urxencia a atender, que propostas querían trasladarnos, para ter en conta todas esas opinións, suxestións, propostas non so a hora de elaborar o noso programa senón tamén a hora da nosa acción política. Reunións con colectivos, visitas os barrios, dialogo directo coa cidadanía, estamos facendo unha precampaña e unha campaña de falar “ti a ti, boca a boca” cos cidadáns. E eu dentro da cautela e prudencia que creo que me caracteriza, estou percibindo boas vibracións, creo que hai unha corrente de simpatía crecente cara ao BNG na cidade, que se valora moi positivamente o traballo feito nestes catro anos, creo que a candidatura e as propostas que se están trasladando a sociedade están tendo boa acollida e que moitos cidadáns ven que o BNG ten moito que aportar a vida municipal na Coruña que aporta solvencia, rigor, capacidade, aporta ter ideas claras, aporta facer política en serio fronte a tempos nos que primou moito a vacuidade, a demagoxia e a frivolidade e po lo tanto creo que temos moito que aportar.
- Estamos a un mes escaso das municipais que se nos “solapan” coas xerais e o que estamos vendo de precampaña nas xerais asusta un pouco, é dunha frivolidade...
- Efectivamente, eu creo que a política dexenerou nos últimos anos, hai un exceso de sobre-actuación, hai un exceso de pensar mais na cámara e en dicir algo que poda ser impactante pensando, se se me permite a caricatura de protagonismo na televisión e na radio que realmente en argumentar as propostas e facer propostas con un mínimo de solvencia e de rigor. Eu desde logo, nin o BNG nin eu, entendemos así a política e non vai ser ese o noso estilo e ademais creo que podemos predicar co o exemplo porque non esta sendo o noso estilo, o noso estilo é tratar con respecto a todos os adversarios políticos, non converter as diferencias políticas en pensar que por iso o adversario político se converte por iso en un inimigo, en considerar os cidadáns persoas adultas e polo tanto dialogar con eles de ti a ti e facer propostas serias, razoadas y argumentalas, creo que iso e o estilo que nos caracteriza e desde logo vamos a seguir por aí. Creo que hai certo fastío na sociedade sobre a sobre-actuación en política e a falta de solvencia e de rigor en política, fronte a iso creo que o BNG aporta outra forma de facer as cousas, porque non so son importantes as propostas senón tamén e importante a forma de facer política.