Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica pregunta ao goberno local polo novo sistema de tarifas de Bicicoruña

Redúcese o tempo máximo de uso de dúas horas a tan só unha, dificultando os desprazamentos e penalizando aos barrios máis periféricos
A Marea Atlántica pregunta ao goberno local polo novo sistema de tarifas de Bicicoruña

María García: “O servizo de BiciCoruña debería fomentar unha verdadeira alternativa de transporte en toda a cidade por igual”

A Marea Atlántica vén de rexistrar unha batería de preguntas ao goberno municipal sobre o sistema de tarifas de Bicicoruña, que impón novas limitacións e trámites que pouco teñen que ver con fomentar o uso da bicicleta na cidade. O servizo reanúdase hoxe, tras incorporar as bicicletas eléctricas financiadas con fondos europeos DUSI que se obtiveron no mandato de Xulio Ferreiro, e son numerosas as persoas usuarias que denunciaron problemas co novo abono. 

En primeiro lugar, pedimos coñecer os motivos polos que se reduce o tempo de uso a tan só unha hora, cando ata o de agora eran dúas, un límite de tempo demasiado breve e que dificulta os movementos pola cidade, especialmente entre os barrios periféricos e os que non contan aínda con estacións de Bicicoruña. No caso das bicis eléctricas, a ese límite engádeselle o cobro dunha tarifa adicional a partir dos 20 minutos. 

Como sinala a nosa voceira, María García, “esta limitación, complica o uso o desprazamento entre os barrios máis alonxados e dificulta que  BiciCoruña sexa unha alternativa real de mobilidade nos desprazamentos cotiás. Todo o que sexa deixar o coche en casa é de gran axuda tanto para a saúde da poboación como para combater a emerxencia climática”.

Multas desproporcionadas que non está claro quen cobrará

Ademais, superar ese prazo dunha hora significa unha multa de 5 euros, un 12,5% do que unha persoa usuaria paga polo bono anual. “Semella unha sanción un chisco desmedida, que se xustifica para evitar un presunto ‘mal uso’ de Bicicoruña. Pero ¿que mal uso pode haber en ter a bici 62 minutos en lugar de 59?”, argumenta María García. Tampouco queda claro como se cobrará esa sanción, nin que entidade será a responsable de facelo. 

Este límite dunha hora, inexplicablemente, só se lle aplica ás persoas que pagan a modalidade anual de Bicicoruña, a nova tarifa ocasional e turística, que se paga por mes, permite dúas horas. É unha arbitrariedade máis a sumar nestas novas tarifas. 

Vontade metropolitana

Finalmente, e como xa teñen reclamado colectivos cidadáns como Mobi-liza, insistimos na necesidade de traballar para que o servizo de préstamo público de bicicletas teña un carácter metropolitano, comezando por integrarse co sistema anunciado polo concello de Arteixo e espallándose a outros municipios. 

Xa rexistraramos unha pregunta escrita sobre este asunto, e a resposta do goberno local limítase a recoñecer que “se mantiveron conversacións” ao respecto no seo da FEMP, pero sen propostas concretas. Hai tempo que os desprazamentos da cidadanía pola área coruñesa non rematan nun só termo municipal, e os servizos públicos xa van con atraso para adaptarse.

A Marea Atlántica pregunta ao goberno local polo novo sistema de tarifas de Bicicoruña