BNG | nota de prensa
Nova reunión sobre o PRESCO, sen avances significativos: o BNG bota en falta un “maior impulso” por parte do goberno local
A Coruña, a 17 de xuño de 2021. Volveuse reunir esta mañá, no salón vermello do Pazo de María, a Comisión de Economía e Facenda, cos traballos de elaboración do Presco 2021 e a ampliación dos convenios nominativos co tecido social da cidade sobre a mesa.
A reunión volveuse fechar sen avances significativos.
“Botamos en falta un maior impulso e unha maior celeridade por parte do Goberno Local. Non é de recibo termos ultrapasado xa o ecuador do ano e estarmos co Presco 2021 e a ampliación dos convenios pendente de aprobación”, censura o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera.
“Os sectores máis damnificados pola pandemia merecen unha maior dilixencia na tramitación destas axudas”, avalía Jorquera, “mais o certo é que o Goberno Local non se está a mover significativamente das súas posicións iniciais”.
O BNG continúa a considerar insuficiente a dotación económica proposta polo Goberno Local para este Presco -6,2 millóns de euros, menos do 50% do Presco 2020- e continúa a defender que a subscrición dun crédito é “a vía máis razoábel” para dotar de máis recursos este plan de recuperación económica e social.
A Comisión vaise volver reunir o vindeiro martes. “Agardamos que para daquela o Goberno Local veña cos deberes mellor feitos, con vistas a chegarmos a un acordo que dea viabilidade ao novo Presco”, concluíu Jorquera.