Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica leva ao Pleno unha moción pola dignidade laboral das traballadoras do Servizo de Atención no Fogar
O grupo municipal da Marea Atlántica vén de rexistrar unha moción en apoio ás traballadoras do Servizo de Atención no Fogar e das súas demandas na procura dunhas condicións laborais máis dignas e dun novo convenio colectivo para o sector. Así, tras as mobilizacións da Plataforma SAF Galiza durante o mes de decembro, procuramos o apoio maioritario da Corporación para dignificar as tarefas de coidados.
“A pandemia e as súas consecuencias viñeron confirmar que o labor das persoas que traballan no SAF, case todas mulleres, é esencial como sostén da vida, pero desenvólvese nunhas condicións laborais notablemente precarias”, sinala a concelleira Silvia Cameán.
O escenario no que se presta este servizo esencial é un de contratos precarios, soldos baixos, pésimas condicións de xubilación e falta de medios sanitarios para protexer a traballadoras e usuarias. As empregadas do Servizo de Atención no Fogar levan dez anos sen renovar o seu convenio colectivo, o que significa que non se actualizaron os salarios nin as condicións laborais desde 2011. E aínda así, está a ser sistematicamente incumprido pola patronal.
A nosa moción tamén subliña “a necesidade de dar resposta as desigualdades de xénero e ao recoñecemento dos coidados como traballo profesional, non coma unha tarefa feminizada”. E reclama que “os coidados sexan entendidos como un valor público, non coma unha responsabilidade individual” pois todas as persoas somos receptoras de coidados, e todas debemos responsabilizarnos de prestalos.
Por todo o sinalado, reiteramos o noso apoio ás reivindicacións da Plataforma SAF Galicia e agardamos que todos os grupos políticos representados no Concello fagan o mesmo.