Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica incorporará a atención integral aos barrios na negociación dos Orzamentos 2022
Problemas como o aumento da conflitividade nos Mallos, que afectan moito á vida da veciñanza, son complexos e requiren resposta ampla. Tras a actuación policial, hai que atender necesidades de vivenda e servizos sociais
Propoñemos unha bolsa de alugueiro social, un Plan de Vivenda, o programa Mover os Baixos para recuperar locais comerciais e un plan de mediación na rúa, entre outras políticas que beneficiarán aos barrios
A Coruña, 21 de setembro de 2021.- A voceira da Marea Atlántica, María García, ofreceu hoxe unha rolda de prensa para denunciar a situación de abandono que están a padecer os barrios da Coruña, nun momento no que a crise e a pandemia agravan os problemas de precariedade e desigualdade, e anunciou que o noso grupo fará da atención integral aos barrios un asunto central das negociacións co PSOE para os Orzamentos do ano 2022. Propostas coma unha bolsa de alugueiro social, un Plan de Vivenda, o programa Mover os Baixos para recuperar locais baleiros ou actuacións de mediación en rúa deben incluírse nas políticas do Concello.
A concelleira ofreceu o seu apoio e empatía á xente dos Mallos, que se enfronta a un aumento da conflitividade no seu barrio e saíu á rúa a pasada fin de semana para denuncialo. “Estamos ante un problema complexo, que afecta moitisimo á vida da veciñanza, e que require solucións complexas. A actuación policial e necesaria, pero tras dela hai que atender as necesidades de vivenda, servizos e atención social”, resumiu María García. Nos vindeiros días, manteremos xuntanzas coas asociacións comerciais e veciñais do barrio, e coa Plataforma Os Mallos, para escoitar as súas demandas e trasladarlles as nosas propostas.
Vivendas e baixos baleiros
María García sinalou que A Coruña foi a segunda capital de provincia na que máis aumentou o prezo taxado da vivenda libre no último ano, case un 8%. Na nosa cidade hai 20.000 vivendas baleiras, segundo o INE, que non só atentan contra o dereito á vivenda, tamén son unha fonte de conflitividade nos barrios. O desleixo das administracións é tal que non se pode actuar ontra elas porque nin a Xunta nin o Estado se molestaron e definir a figura xurídica de “vivenda baleira”. A Marea Atlántica subiulles o IBI en 2015, pero segue sen poder aplicarse.
Existen, tamén, máis dun milleiro de locais comerciais baleiros, segundo diferentes estudos do Concello e asociacións empresariais. E de novo son un desperdicio de recursos e un problema no espazo público, acelerando o deterioro dos barrios.
O prezo medio dos alugueiros tamén está a medrar, ao tempo que a factura da luz encareceuse un 40% só en agosto. No outro estremo están os salarios e a duración dos contratos, que se reducen de xeito preocupante. “E neste contexto, temos un goberno local ao que lle custa afastarse moito dos Cantóns e que en 2020 foi o único de todas as cidades galegas que reduciu o gasto social, de 116 a 114,1 euros por habitante. Non se pode entender”, salientou a nosa voceira.
Solucións globais para un problema complexo
Deste xeito, levaremos ás negociacións co PSOE, unha serie de propostas para afondar nun modelo de cidade que non ignore estes problemas:
- Bolsa de Alugueiro Social: Unha propostas que estaba nos acordos para a investidura de Inés Rey e que segue incumpríndose. Permitirá que a veciñanza acceder a un fogar a prezos razoables, co aval do Concello. Isto tamén será unha garantía para as persoas propietarias.
- Mover os Baixos: Un plan para volver levantar as persianas baixadas, cunha bolsa de locais en alugueiro, axudas directas de ata 15.000 euros para a apertura de novas iniciativas que dean servizo aos barrios (e non só comerciais, tamén espazos culturais, coworking ou proxectos sociais). E a posibilidade de que o Concello compre directamente locais.
- Plan de Vivenda: Un plan integral, que afronte o problema desde todas as perspectivas, explorando vías coma a vivenda en cesión de uso, a construción de vivenda social coma deseñou a Marea Atlántica en Pontejos ou no Ofimático, ou a compra de inmobles por parte do Concello, entre outras cuestións.
- Xustiza Social: Coa mellora da Renda Social Municipal, as axudas de emerxencia e o sistema de servizos sociais do Concello, evitando que se repitan os recortes de 2020.
- Reforzo das axudas á rehabilitación, para recuperar as vivendas baleira e deterioradas.
- Educación e mediación en rúa: un servizo que se puxo en práctica con éxito no pasado mandato en zonas nas que aumentaba a conflitividade social.
“Estas son as nosas propostas para apostar polos barrios e mellorar a calidade de vida da veciñanza. Propostas que requiren traballo, desde logo, pero que terán impacto e beneficiarán non só aos Mallos, tamén Agra, Ventorrillo, Sagrada Familia, Sardiñeira, Feáns, O Castrillón, Os Castros, A Gaiteira, Oza, Eirís, Someso, Xuxán, Monte Alto, O Barrio das Flores, Elviña, Monelos, Os Rosais, Labañou, San Pedro de Visma… e todos eses lugares
Rexeitamento ás solucións parapoliciais
María Garcia insistiu en que “o problema é complexo, e quen propón solucións sinxelas e inmediatas equivócase ou directamente minte”. E neste punto amosou o total rexeitamento da Marea Atlántica ás solucións parapoliciáis, e á publicidade encuberta de empresas que se entrometen en actuacións que deben ser competencia única da Xustiza.
“As forzas de seguridade do Estado teñen a obriga de actuar ante situacións delictivas cometidas por persoas concretas, pero se non imos máis aló coas políticas públicas, as vivendas baleiras, a desigualdade e os problemas van seguir estando aí cando estas persoas marchen”, resumiu a nosa voceira municipal.
María García e Alberto Lema, mantiveron hoxe unha xuntanza co presidente da Asociación Distrito Mallos, José Alejandro Salgado, para coñecer a situación do barrio e trasladar as nosas propostas.
Tal e como adiantamos hoxe, manteremos esta rolda de contactos con axentes do barrio para defender que a solución aos problemas de convivencia non pode quedar só nunha actuación policial, senón que debe ir acompañada de medidas integrais para combater as vivendas e baixos baleiros, a precariedade e a exclusión social. Só así poderán Os Mallos recuperarse do abandono dos últimos anos, que afecta a moitos outros barrios da Coruña, pero que se está a ver agravado polas consecuencias da pandemia. Será unha prioridade nas negociacións dos Orzamentos 2022 co PSOE.