Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica inicia o programa da Escola dos Dereitos cunha charla sobre os dereitos sociais e a forma de garantilos
Intervirán Concha Fernández, exconcelleira de Política Social en Compostela; Diego Lores, da ODS de Coia; e Rodri Gil, da nosa Oficina dos Dereitos
A Coruña, 15 de marzo de 2022.- A Marea Atlántica organizará este xoves, 17 de marzo, a primeira charla da nosa Escola dos Dereitos, unha iniciativa pensada para formar á veciñanza e que nace das necesidades detectadas no traballo da Oficina dos Dereitos. Baixo o título Que son os dereitos sociais?, debaterán Concha Fernández, exconcelleira de Política Social en Santiago, no goberno de Compostela Aberta; Diego Lores, da Oficina dos Dereitos Sociais de Coia (Vigo); e Rodri Gil, voceiro da Coordinadora da Marea Atlántica e responsable da nosa Oficina dos Dereitos. Moderará Carmen Villar, que foi parte do equipo de goberno na Concellería de Xustiza Social e Educación no mandato de Xulio Ferreiro.
A cita será ás 19.30 horas do xoves, no noso local situado no número 1 da Praza do Ovos (Praza do Humor), con acceso libre ata encher aforo segundo as medidas sanitarias. Tamén poderá seguirse a través da nosa canle de Youtube.
O obxectivo desta charla é reflexionar sobre o concepto de dereitos sociais, sobre o seu alcance e sobre as diferentes formas nas que se levan á práctica desde as institucións públicas, atendendo ás posibilidades de mellora. Tamén se centrará en cuestións prácticas, coma o xeito de superar os trámites burocráticos que moitas veces son unha barreira para exercer estes dereitos.
Fronte ao descoñecemento dos recursos públicos
A posta en marcha desta Escola dos Dereitos, que organizará diferentes charlas e actividades formativas ao longo dos vindeiros meses, é unha resposta ao descoñecemento das prestacións e recursos públicos que detectamos no traballo diario da nosa Oficina dos Dereitos, e que foi sinalado no seu balance anual.
A Oficina dos Dereitos é unha iniciativa da Marea Atlántica que se financia cos salarios dos cargos públicos, que cobran un máximo de 35.000 euros anuais (dentro do límite de 40.000 que fixa o noso Código Ético) e doan o resto para manter este e outros programas como a Xanela de Proxectos. A Oficina presta 12 horas de atención á semana, presenciail e telemática. Para solicitar a súa axuda, só hai que pedilo no enderezo [email protected] ou no teléfono 604 086 724.