Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica urxe ao goberno local a acelerar os trámites para a creación dunha empresa eléctrica municipal
Tras a aprobación inicial dos Orzamentos 2022, é necesario reunir á comisión que porá en marcha o novo operador enerxético, abrir a Oficina da Enerxía e comezar o Mapa das Enerxías Renovables da Coruña
María García: “Non pode consentirse que a factura da luz medre un 900% nun ano, todas as administracións deben actuar, desde os concellos á Comisión Europea”
A Coruña, 16 de marzo de 2022.- A Marea Atlántica urxe ao goberno local a acelerar os trámites para posta en marcha da nova empresa eléctrica municipal na Coruña e outras políticas enerxéticas incluídas de xeito preferente no acordo para os Orzamentos 2022. Estamos a vivir unha nova escalada nos prezos da luz, agudizada pola guerra na Ucraína pero derivada da inxusta tarifa que se aplica desde a Unión Europea, e volve quedar clara a importancia de ferramentas para a soberanía enerxética.
Como sinala a nosa voceira, María García, “non pode ser que cada vez máis fogares teñan problemas para pagar o recibo da luz, cuxo prezo aumentou un 900% en tan só un ano, un ritmo insostible. Actuar fronte a isto ten que ser unha absoluta prioridade para todas as administracións públicas, desde os concellos á Comisión Europea”. E engade que “a transición enerxética, a procura de novas fontes de enerxía, xa non é só una obriga para frear o cambio climático, tamén para garantirlle a moita xente unhas condicións de vida mínimas”.
Deste xeito, pedímoslle ao executivo que convoque canto antes a comisión político-técnica que debe deseñar o novo operador enerxético, e na que terán asento todos os grupos políticos do Concello e técnicos municipais especialistas. A memoria que redacte esa comisión, co apoio das universidades de Coruña e Santiago, deberá ser aprobada posteriormente no Pleno. Esta nova empresa pública distribuirá enerxía 100% renovable e permitirá que as persoas con menos recursos teñan unha alternativa ás grandes empresas eléctricas, combatendo así a pobreza enerxética.
Tamén é necesario reforzar a Oficina de Asesoramento Enerxético, que orientará á veciñanza da Coruña a procurar mellores tarifas, axudas e alternativas de autoconsumo, ademais de organizar campañas informativas nos barrios. E rematar o Mapa de Enerxías Renovables para identificar que lugares da cidade, públicos ou privados, son axeitados para a xeración eólica, solar, hidráulica ou outras formas de enerxía renovable, coma o biogás que xa se produce na EDAR Bens.
A reforma do mercado eléctrico é urxente
A rebaixa do IVE nas facturas domésticas, aplicada polo goberno do Estado polo goberno do Estado en xuño de 2021, xa quedou completamente devorada pola alza dos prezos da luz. Unha consecuencia da política de fixar o prezo de todas as fontes de enerxía a partir da máis cara, neste caso o gas, cuxo custo está disparado tras a invasión rusa da Ucraína. A Unión Europea debe revisar canto antes este sistema disparatado, que enche os petos das grandes empresas mentres deixa sen recursos a millóns de fogares.
No Estado, é necesaria unha reforma estrutural do mercado eléctrico, para avanzar na xustiza social e na protección ambiental, eliminando os “beneficios caídos do ceo” que reciben as empresas, recoñecendo que todas as persoas teñen dereito a un mínimo vital garantido. Non pode consentirse que un ben de primeira necesidade como é a enerxía estea sometido á especulación.
Finalmente, se algo está deixando claro a guerra na Ucraína é que a enerxía nuclear non é a solución, agora que o mundo entero está en vilo polo destino das centrais ucraínas. O esforzo da transición enerxética debe centrarse nas opcións verdadeiramente verdes e renovables.