Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica insiste no reforzo das axudas ao fomento do emprego no novo Presco
A crise que estamos a vivir require un esforzo para impulsar a contratación e o emprego de calidade, unha proposta da Marea Atlántica que o goberno local aceptou incorporar
Tamén se tiveron en conta as nosas achegas para enfocar mellor as axudas destinadas ao sector cultural, coma as bolsas de creación artísica
A Coruña, 17 de xuño de 2021.- Na Comisión de Facenda celebrada esta mañá producíronse novos avances cara a aprobación nun novo Presco 2021, o plan de axudas do Concello da Coruña para afrontar a crise derivada da pandemia. O goberno lolcal aceptou varias das propostas da Marea Atlántica, entre elas a de reforzar as axudas directas para o fomento do emprego e a de enfocar mellor as medidas relacionadas co sector cultural. Son pasos positivos, que suman para mellorar un Presco que xa chega tarde e que, de todos os xeitos, será menos ambicioso que o ano pasado.
Neste sentido, insistimos en que se incrementen as contías das axudas á contratación, tanto a nivel xeral coma por persoa, para non quedar nalgo anecdótico. Coa fin dos ERTE no horizonte, as medidas de fomento do emprego deben ser unha prioridade de todas as administracións. O seu importe segue a ser mellorable, e aínda botamos en falta que se esixan salarios dignos e unha duración mínima dos contratos.
Desde a Marea Atlántica tamén trasladamos diversas melloras nas bases e nos conceptos das axudas directas a pemes, micropemes e autónomos, para aprender dos erros e facelas máis eficaces, como o adianto dos fondos cunha declaración responsable, chegando ata o 98% do importe total. Estas ideas foron aceptadas e, se o goberno local fai o seu traballo de xestión, axudarán a evitar demoras como a do ano pasado, do que aínda faltan axudas sen pagar.
Tamén se aceptaron varias das nosas achegas para mellorar a convocatoria de bolsas de creación cultural. Incorporaranse as modalidades de música, danza, creación dixital e investigación, entre outras, e reducirase o prazo de resolución de catro a dous meses. Tamén se sumarán dous profesionais de recoñecido prestixio á comisión de valoración. Tristemente, mantense o recorte nas contías, tanto en total, —onde se pasa de 180.000 a 90.000 euros— como no máximo por proxecto —baixa de 5.000 a 3.000 euros—.
En termos xerais, os fondos deste Presco, menos da metade que en 2020 (uns 6 millóns fronte a 13,5) seguen a ser escasos para os retos que ten que afrontar á xente da Coruña nestes momentos de crise. Pero un plan escaso é mellor ca ningún plan.
Doutra banda, parece confirmarse que co modificativo de crédito necesario para financiar o Presco se tramitará outro para incorporar novos convenios con entidades do terceiro sector, entre eles, os que foran propostos pola Marea Atlántica en febreiro e vetados ilegalmente pola alcaldesa.
Deste xeito, sumaranse 340.000 euros para apoiar a colectivos culturais como Clubtura, CUAC FM, Donaire ou a Asociación República Mardi Gras; entidades deportivas como AMI ou o Hockey Club Borbolla; Espazo Coop para darlle pulo á economía social; ou entidades que traballan con persoas vulnerables, como Viraventos, Ecos do Sur, Hogar Sí ou Secretariado Xitano. Tamén medrará o acordo do Concello con Provivenda e Housing First para ofrecer alternativas ás persoas sen fogar. Quedan diferenzas por puír, pero a negociación avanza.
Pedímoslle ao goberno celeridade para que estse convenios aprobados se fagan realidade e non se deixen caducar sen efecto, como ocorreu o ano pasado cos que lles correspondían á Asociación de Librarías da Coruña e a Clubtura, aprobados en xullo e nunca formalizados. Os prazos administrativos son xa moi xustos para chegar a finais de ano.