BNG | nota de prensa
Rogo do BNG para que se muden os nomes aos CEIP Salgado Torres, Sal Lence e Sanjurjo de Carricarte, en aplicación da Lei de Memoria Histórica
“Aínda permanecen nos centros educativos da cidade tres nomes de persoeiros relacionados directamente co franquismo”, alerta Avia Veira
A Coruña, a 17 de xuño de 2021. O procedemento para mudar o nome a un centro escolar inclúe o requisito do informe favorábel do concello en que aquel estea ubicado.
É por isto que a concelleira do BNG Avia Veira rexistrou un rogo para que o Goberno Local tome a iniciativa e se dirixa aos CEIP Salgado Torres, Sal Lence e Sanjurjo de Carricarte con vistas a que tramiten a modificación dos seus nomes. A competencia final sobre a mudanza da denominación, após a proposta ser feita polo Consello Escolar, corresponde á Consellaría de Educación.
O Goberno Local, enfatiza a concelleira, ten que actuar e teno que facer “en estrito e xusto cumprimento da lexislación en materia de memoria histórica, e, sobre todo, facendo un exercicio de reparación e memoria democrática”.
Denuncia Avia Veira que “aínda permanecen nos centros educativos da cidade da Coruña tres nomes de persoeiros relacionados directamente co franquismo: o CEIP Salgado Torres, o CEIP San Lence e o CEIP Sanjurjo de Carricarte”. “Isto implica”, engade, “unha ‘referencia franquista’ que, en aplicación da Lei de Memoria Histórica e dos acordos do Parlamento galego debería levarnos a impulsar o cambio dos seus nomes”.