Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica reclámalle a Inés Rey unha reunión para acelerar o cumprimento dos acordos para este ano
Reivindicamos políticas como a gratuidade das escolas infantís municipais e reclamamos que se poñan en marcha o Plan de Vivenda, as axudas para Mover os Baixos e a empresa eléctrica municipal, entre outras
A Coruña, 6 de xuño de 2022.- A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, ofreceu hoxe unha rolda de prensa para facer balance dos tres anos de mandato de Inés Rey, e amosou a súa preocupación pola falta de avances no cumprimento dos acordos asinados para este ano entre o noso grupo e o PSOE. “Solicitei unha entrevista coa alcaldesa para impulsar o cumprimento destes acordos, e agardo que poidamos celebrala este mes. No que vai de mandato, as medidas máis beneficiosas para a xente da Coruña, chegaron da man de iniciativas e pactos coa Marea Atlántica. Por iso insistiremos en que se cumpran os que están pendentes”, explicou García.
A nosa voceira lembrou que os dous únicos orzamentos aprobados neste mandato chegaron da man da Marea Atlántica, ao igual que medidas coma a gratuidade das escolas infantís municipais ou as bonificacións fiscais a familias monoparentais e parellas de feito, por non falar dos proxectos herdados do goberno de Xulio Ferreiro.
E de proxectos pendentes como crear unha empresa eléctrica municipal 100% pública e 100% renovable, do Plan de Vivenda que debería comezar este ano con 9 millóns de euros, o programa Mover os Baixos para os locais comerciais baleiros, o Plan de Saúde Mental. “Medidas impulsadas pola Marea Atlántica por unha Coruña máis verde, democrática, xusta e feminista, todas coa súa consignación orzamentaria”. Algunhas son cuestión de vontade política, pero outras requiren xestión e tramitacións complexas, por iso comeza a preocuparnos a falta de avances nos últimos meses.
Tomando como exemplo o último Pleno, coa Marea, aprobouse o novo imposto de plusvalía, que introduce vantaxes para as parellas de feito, equiparándoas aos matrimonios, e o compromiso de bonificar tamén os traspasos de locais de pequeno comercio. Sen a Marea temos ao PSOE que se nega a facer unha consulta cidadá sobre os peiraos ou a regular a proliferación sen control das casas de apostas.
En concreto, María García sinalou que o diálogo se viu ralentizado tras a negativa a acatar a sentenza que ordena o cese da concelleira de Deportes, a tránsfuga de Ciudadanos Mónica Martínez, e sinala como ilegal o decreto co que a alcaldesa a nomeou. E desde a última das moitas crises que tivo este goberno, que supuxo a marcha de Juan Díaz Villoslada. Moitas das medidas con maior carga orzamentaria entre as que acordamos están asociadas á área de Urbanismo e Vivenda. E desde aquela a relación está a ser menos fluida. Iniciativas coma as Mesas de Diálogo do Plan de Vivenda están paralizadas desde aquela, e agardamos que poidan retomarse en breve.
A Coruña antes que as siglas
“Non creo esaxerar se digo que na Marea Atlántica fixemos unha oposición xenerosa e responsable. Moito máis da que fixeron con nós, desde logo. Somos críticas cando hai que selo, e non temos medo en ir ao xulgado cando hai que ir. Pero non nos quedamos na crítica, presentamos iniciativas, facemos propostas e facilitamos os acordos que son beneficiosos para A Coruña”, resumiu María García. E engadiu que “Temos claro, desde que nacemos, que o interese da Coruña vai antes que o interese de calquera partido. E así o demostramos tamén na Marea Viva que pechamos este domingo, cumprindo compromisos éticos”.
Nestes momentos, de crise e incertezas a nivel global, a prioridade da Marea Atlántica é facilitarlle á vida á xente e amosar empatía, desde as institucións e a rúa, con quen peor o está a pasar. Por iso, procuraremos que os proxectos e acordos anunciados nos orzamentos se fagan realidade, para que quen precise atención psicolóxica poida tela nun centro cívico, para que quen precise axuda ao atopar vivenda poida ter recursos municipais, para combater o cambio climático cunha empresa eléctrica 100% pública e renovable. E, como concluíu a nosa voceira, “Aí sempre vai estar a Marea. E agardamos que o PSOE non teña dúbidas ao respecto”.