Acampa pola paz e o dereito a refuxio
Apoio da Fundación Emalcsa á Rede Acampa pola paz para o desenvolvemento do VII Encontro Internacional “Odio ou convivencia” do próximo xuño
A Coruña, 27 de outubro 2022.- Fundación Emalcsa súmase á listaxe de patrocinadores da Rede Acampa no seu labor de defensa dos Dereitos Humanos e o Dereito a Refuxio. Este mediodía tivo lugar a firma do convenio entre a citada Fundación e o Movemento Acampa para colaborar no desenvolvemento do VII Encontro Internacional Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio que se celebrará na Coruña o próximo mes de xuño baixo o lema “Odio ou Convivencia”.
Este acordo, rubricado pola alcaldesa Inés Rey como presidenta da Fundación Emalcsa, e o responsable de organizacións de Rede Acampa pola Paz, Rubén Sánchez Imizcoz, está enmarcado na VII Convocatoria Cultura Accesible e Inclusiva (Axudas para favorecer a inclusión e a accesibilidade na vida cultural) promovida pola citada Fundación.
A accesibilidade e a inclusión son dúas condicións de partida nas distintas actividades promovidas polo Movemento Acampa desde a súa creación no ano 2016. Só por citar algúns exemplos, as charlas e encontros desenvolvidos ao longo dos encontros internacionais que se celebran na Coruña anualmente en torno ao Dereito a Refuxio sempre contan con intérpretes de linguaxe de signos e son accesibles a persoas en cadeira de rodas. Son diversos, tamén, os colectivos vulnerables participantes nas distintas actividades ou membros integrantes da propia rede.
Será en xuño de 2023 cando os Xardíns de Méndez Núñez da Coruña acollan a sétima edición do Encontro Internacional Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio. Durante tres días, exposicións, relatores e relatoras, documentais e actividades de denuncia profundarán no binomio elixido como tema central desta cita: Odio ou convivencia. Unha vez máis, a cidadanía estará convidada a participar, a reflexionar sobre a realidade dos Dereitos Humanos no mundo e o crecemento de espazos e situacións onde estes áchanse conculcados, pisados, ou manipulados pola xenofobia, o racismo, a discriminación ou o espolio.