Proxectouse un dos primeiros vídeos de promoción de Acampa

O goberno local apoia Acampa pola paz e o dereito a refuxio

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, e o edil de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, participaron esta mañá na presentación da programación de Acampa pola paz e o dereito a refuxio, unha iniciativa de sensibilización e visibilización sobre a situación das persoas que buscan refuxio e  que terá lugar dos días 15 ao 18 de xuño na Coruña

O goberno local apoia Acampa pola paz e o dereito a refuxio
Carmen Armada
Carmen Armada, responsable de infraestructuras de Acampa

Rocío Fraga valorou positivamente a posta en marcha dunha proposta "moi potente que representa a auto-organización da sociedade civil que apoia e demanda que a idea que A Coruña quere ser unha cidade refuxio", sinalou a edil. "Desde o Goberno local estamos a traballar na liña de considerar a nosa cidade coma unha cidade refuxio, aínda que non temos toda a capacidade que desexariamos pola negativa do Goberno central. Mentres que o Estado manteña a súa negativa a permitir que os municipios que queremos responsabilizarnos nas labores de acollida poidamos facelo, e non poidamos colaborar dun xeito máis activo, apoiaremos aquelas iniciativas que esixan que se respecten os dereitos humanos e se monten corredores seguros para que as persoas poidan chegar a cidades coma a nosa mentres necesiten estar fóra dos seus países", sinalou a concelleira.

 

O responsable municipal de Culturas salientou  a conexión cultural e social do proxecto, "que ás veces, estrañamente, se desvinculan", e cuxa programación, que conta co apoio do Concello a través do programa Cultura de Barrio, "supón unha mistura atractiva que incorpora, a través da escenografía, elementos que impulsan a unha necesaria reflexión". "É importante poñer en primeira liña acontecementos aos que parte de Europa dá as costas, ao tempo que magnifica outras cuestións", afirmou Sande.

Xosé Abad presentou Acamapa como "un espazo aberto a comprender as causas do que nos está a pasar." Agradeceu a colaboración municipal a quen lle recoñeceu a coherencia de cumprir a palabra dada cando se declarou A Coruña como cidade-refuxio. "A política do medo o do terror en Siria ou enManchester non nos pode paralizar. 

Somos moitas as persoas e organizacións que non nos conformamos co papel de espectadoras e tratamos de dar resposta, de solidarizarnos, de encontrar ferramentas para facer fronte colectivamente a unha ameaza demasiado grande e cruel. Pero a realidade é que estamos atomizados en centos de iniciativas, temos moita enerxía pero dispersa, e isto debilita a efectividade das accións. Hoxe, máis ca nunca, cómpre o traballo unitario e de sensibilización que contrarreste a desinformación, que explique as causas e consecuencias, que identifique as responsabilidades e que facilite a incorporación de miles de persoas á contestación social, máis unidas e máis fortes.

O drama humanitario vivido polas persoas refuxiadas ante o abandono oficial necesita o traballo das oenegués no terreo, o que salva vidas e garante os mínimos asistenciais básicos, pero tamén é imprescindible o traballo de sensibilización, de esixencia de respecto polos dereitos humanos, de información á cidadanía para que presione os seus gobernos e esixa a paz e a xestión eficaz dunha crisis humanitaria tan grave como a que estamos vivindo.

Son miles e miles, millóns, as persoas que necesitan a solidariedade e a axuda nunha situación de emerxencia humanitaria grave. Acampa nace como unha nova ferramenta capaz de trasladar esta necesidade á sociedade".

Carmen Armada, responsable da comisión de infraestruturas de Acampa informou sobre as actividades que terán lugar nos distintos lugares da cidade. "Para nós é clave deslocalizar dentro das nosas posibilidades os actos por toda Coruña, como se estivésemos a esparcir unha semente que salpique toda a cidade, visibilizando e removendo conciencias.

Como punto neurálxico do espazo Acampa, teremos o campamento, réplica dun campo de persoas refuxiadas, que se instalará nos Xardíns de Méndez Núñez. Colocaremos un valado, un valado que faga sentir as persoas que a él se acheguen a sensación que se pode ter ao chegar a un campamento. 

Instalarase dentro unha carpa central para ofrecer coloquios, concertos e proxeccións.

Vai haber unha exposición dentro deste campo con varias tendas de diferentes ONGs traídas dende Grecia, así como elementos como os chalecos salvavidas ou as barcazas neumáticas cas que as persoas cruzan o mar na procura da salvación.

As tendas de campaña, como representación dos campamentos, serán aquí o símbolo da implicación da cidadanía. Estas serán de dous tipos: institucionais e individuais. Serán o medio de expresión de todas as asociacións e persoas individuais que sumáronse e seguen a sumarse continuamente á proposta. Pero tamén serán refuxio: aquelas persoas que así o desexen poderán durmir nas tendas de campaña. O resto de espazos do campamento, serán o lugar no que se desenrolarán as actividades ao aire libre.

Xa fora do campo, dende o Obelisco ata Porta Real instalarase a exposición fotográfica de JAVIER BAULUZ “Buscando refuxio para os meus fillos”.

Na Praza das Conchiñas haberá unha proxección de fotos comentadas polos seus autores, así como actividades infantís.

No Kiosko Alfonso e na Sala Salvador de Madariaga en Durán Loriga, haberá exposicións de fotografías que testemuñan a guerra en Siria, a viaxe do exilio, os campos de persoas refuxiadas e a situación na nosa fronteira sur.

Dentro desta rede de espazos de exposición, súmanse a Sala Palexco, a Sala Casares Quiroga e o Centro Cívido da Cidade Vella."

Carmen rematou: "Coruña é unha cidade solidaria, sabemos que vai a apoiar a iniciativa e que sumarase a participar dela. O espazo Acampa precisa de todos vós: da cidadanía, das organizacións. Precisamos a vosa presenza, as vosas tendas, as vosas voces e a vosa indignación fronte o que está a suceder no mundo.Dicía José Saramago que “existen dúas superpotencias no mundo, unha é Estados Unidos, e a outra es ti, a opinión pública”. Sexamos superpotencia!

Novas relacionadas:

O goberno local apoia Acampa pola paz e o dereito a refuxio