Crise humanitaria

Acampa impulsa unha conversa sobre os refuxiados en toda a Coruña

Presentouse o programa de concienciación sobre o dereito ao refuxio que se desenvolverá desde un campamento nos Xardíns de Méndez Núñez do 15 ao 18 de xuño.

Acampa impulsa unha conversa sobre os refuxiados en toda a Coruña
Rolda de prensa de Acampa nos Xardíns de Méndez Núñez
Rolda de prensa de Acampa nos Xardíns de Méndez Núñez.

O proxecto Acampa pretende ser unha plataforma de acción para todos os que queren actuar pero non sempre saben como, di a nota de prensa que repartiron esta mañá aos medios nos Xardíns de Méndez Núñez un grupo de activistas sociais na presentación dos actos que alí se celebrarán entre o 15 e o 18 de xuño.

Acampa pola paz e o dereito a refuxio quere impulsar ademais unha conversa sobre os refuxiados en toda cidade, segundo conta Rubén Sánchez, editor de EntreNós e unha das persoas á fronte do proxecto desde o Foro Galego da Inmigración. “Temos a vocación de converternos nun movemento que actúa simultaneamente noutras cidades, no país e no Estado, nunha ferramenta para a defensa dos Dereitos Humanos”, explica durante a rolda de prensa Xosé Abad, fotógrafo de ampla traxectoria e quen ideou Acampa.

Acampa terá como centro a recreación dun campamento para refuxiados de guerra que se plantará eses catro días de xuño no centro da cidade. Alí levantaranse tendas traídas de campamentos reais e outras instalacións a criterio de cada unha das 24 entidades que xa pediron estar presentes (inda queda espazo para outras tantas) ademais das tendas “individuais” que queiran participar (so hai que inscribirse na web https://www.acampa.eu/).

Carmen Armada, Rubén Sánchez, Marta García e Xosé Abad, de Acampa

Alí, e noutros espazos de maneira eventual –entre eles, a praza das Conchiñas­ desenvolveranse diferentes actividades en torno á fotografía (exposicións, coloquios, documentais) tamén concertos e actividades para nenos. Nas Conchiñas haberá unha carpa na que se proxectarán fotografías e contará coa presenza dalgún dos autores.

“Queremos deslocalizar do centro e tecer redes con veciños e colectivos doutros barrios. O campo será un espazo de encontro e un elemento de concienciación”, sinala diante dos medios Carmen Armada, arquitecta, voluntaria, que leva un tempo interesada no que pasa en Siria e cos sirios nos campos de refuxiados. Naqueles campos tivo Xosé Abad a idea de facer Acampa, despois de chorar xunto as familias mentres lles facía fotos.

Acampa pretende lograr un impacto inmediato nas conciencias dos cidadáns. Por iso o campo tamén terá un valado e varias organizacións xa cederon aparellos e cousas que soen formar parte da vida cotiá dos campos reais.

Hai 35 entidades que apoian Acampa, algunhas con financiamento, á cabeza o Concello e a Deputación. A maioría con voluntarios, como Aire, a que puxo esta mañá a tenda a carón do escenario da rolda de prensa.

Por Acampa deberían pasar eses días de xuño fotógrafos como Javier Bauluz, de quen hai previsto unha exposición con imaxes en gran formato desde o Obeslisco até a Mariña. Tamén, García Vilanova, Felipe Carnotto ou Adrián Irago, con diferentes traballos sobre o éxodo destes anos. Participarán ademais artistas sirios. Xornalistas como Nicolás Castellano e Olga Rodríguez. Ou activistas como Esteban Beltrán, director de Amnistía Internacional en España ou Fadile Chami Ahkar, siria afincada na Coruña. Tamén Manuel Rivas e o eurodiputado Javier Couso teñen comprometida a súa presenza.

Acampa ten unha razón de ser para a xente que leva meses traballando na súa organización: conseguir a unidade de acción que opoñer á desinformación sobre Siria e os campos de refuxiados. “Falamos de Siria e do dereito a refuxio, pero este é un dereito máis amplo, que abrangue non só aos fuxidos das guerras, senón tamén ás vítimas da crise ou da violencia de xénero en calquera parte do mundo”, di Xosé Abad.

Os datos caen coma unha salmodia: 65 millóns de persoas desprazadas, doce millóns máis só no 2015, cada 24 minutos unha persoa foxe; en Siria, o ano pasado, 5 millóns de persoas, a cuarta parte da poboación do país, tivo que fuxir.

Rolda de prensa de Acampa en Méndez Núñez


 

Acampa impulsa unha conversa sobre os refuxiados en toda a Coruña