Acampa pola paz e o dereito a refuxio
Material traído de Grecia será parte do campo de refuxiados que Acampa despregará na Coruña
Acampa invita a participar no evento, no que tamén falarán da situación das persoas refuxiadas representantes de Médicos sen Fronteiras, Médicos del Mundo, Open Arms e Amnistía Internacional, así como xornalistas especializados e tamén fotógrafos que plasmaron a crise humanitaria.
Tendas reais traídas de campamentos de Grecia e outro material como algunha das balsas nas que se xogan a vida miles de seres humanos para escapar da guerra e a miseria, despregaranse no simbólico campo de persoas refuxiadas que Proxecto Acampa realizará entre os días 15 e o 18 deste mes, no centro da Coruña (xardíns de Méndez Núñez). Os organizadores invitan á cidadanía a sumarse (https://www.acampa.eu/), ben montando unha tenda ou participando nas decenas de actividades paralelas- culturais, divulgativas e lúdicas- que tentan chamar a atención sobre as penosas condicións de vida que sofren a diario os que foxen da guerra, o fame, a intolerancia ou a escravitude. Todos aqueles que queiran colaborar como voluntarios se poden apuntar entrando na páxina web de Acampa.
Reais serán tamén os testemuños que durante eses catro días ofrecerán en conferencias, encontros e obradoiros, os membros das principais organizacións humanitarias que traballan in situ para paliar o drama deses millóns de persoas desprazadas en todo o mundo que sofren, por riba, un sistemático abandono por parte das institucións. Estarán na Coruña, entre outros, membros de Médicos sen Fronteiras, Médicos del Mundo, Open Arms e Amnistía Internacional. Farano ademais algunhas persoas refuxiadas e xornalistas especializados como Nicolás Castellano, Olga Rodríguez e Patricia Simón. Esta última impartirá un seminario sobre xornalismo e acción social ao que poden apuntarse estudantes, profesionais ou calquera outra persoa interesada.
Reforzarán a súa experiencia da crise humanitaria as imaxes dunha ducia de exposicións de fotografía, pintura, debuxo e mais instalacións, todas sobre o drama que viven as persoas refuxiadas. Autores tan prestixiosos como os fotógrafos Javier Bauluz (Premio Pulitzer), Ricardo García Vilanova, Juan Teixeira, Felipe Carnotto, Adrián Irago, Xosé Abad, Juan Medina ou Sergi Cámara, por citar algúns, mostrarán a coruñeses e visitantes decenas de instantáneas e montaxes artísticas que reflicten as precarias condicións de vida dos campamentos.
Unha iniciativa de Coruña Contra a Guerra
O proxecto Acampa pola paz e o dereito a refuxio, que así se chama esta iniciativa, está promovida pola plataforma cidadá Coruña Contra a Guerra e, máis en concreto, polo fotógrafo Xosé Abad, e apoiada por outras corenta entidades e institucións públicas e privadas, así como por un gran número de persoas a título individual. Mediante esta e outras accións divulgativas, o Proxecto Acampa, que non ten ánimo de lucro, busca, a un tempo, sensibilizar á cidadanía sobre a crise humanitaria que supoñen os refuxiados, e reclamar das administracións a esixible defensa dos dereitos humanos, o Dereito Internacional Humanitario e o Dereito a Refuxio.
O Proxecto Acampa pretende ser unha plataforma de acción para todos aqueles que queren actuar “pero non sempre saben como”, ante acontecementos como “guerras, fame, escravitude, paro, violencia, exclusión... que provocan o éxodo de millóns de persoas; seres humanos que foxen da dor, o sufrimento e a morte, buscando refuxio”.
Acampa pola paz e o dereito a refuxio pretende, ademais de sensibilizar á cidadanía, crear “unha rede de intercambio de información que sirva para contrarrestar a desinformación” que existe en torno ao drama das persoas que foxen dun conflito.
Proxecto Acampa, que terá continuidade en anos vindeiros noutras capitais europeas, nútrese do traballo voluntario de decenas de persoas especialistas en distintos campos. Os gastos cotiáns de funcionamento son cubertos polos voluntarios do seu peto, xa que, obviamente, non obteñen ningunha remuneración por canto fan.
Para cubrir eses gastos, a plataforma, que ademais de non ter ánimo de lucro tampouco conta con infraestrutura propia, acode a distintas vías. Desde campañas de micro-mecenado e donacións, a aquelas achegas que fan en especie as organizacións, institucións e empresas colaboradoras, así como persoas a título individual. Eses fondos, en todo caso, non compiten cos destinados ao traballo asistencial das entidades que conforman a rede nin tampouco con aquelas outras que traballan sobre o terreo. Para ser socio de Proxecto Acampa non é necesario pagar ningunha cota.