Acampa 2017

Que conflito? Para que Acampa?

Acampa se despide cunha conversa entre Fadile e Ahmad, dúas xeracións de refuxiados sirios e dúas visións do país e da relixión.

Que conflito? Para que Acampa?
Fadile e Ahmad, con Xurxo Souto o domingo de Acampa (3)
Momento no que Ahmad deixa a mesa diante das opinións de Fadile sobre a muller e o islam.

O mellor do Acampa chegou o último día. A conversa entre Fadile Chami, unha refuxiada siria que grazas ao pasaporte venezolano de seu pai escapara a finais dos oitenta ás cárceres de Háfez al-Assad, e Ahmad Matar un carpinteiro de 32 anos que fuxiu a través de Turquía e os campos de refuxiados gregos da guerra en Siria.

Ahmad Matar é musulmán; Fadile Chami é militante comunista. No 2011, cando en medio da Primavera Árabe ela soñaba cunha revolución no país desde o seu exilio coruñés, Ahmad andaba polo Líbano ou Turquía traballando como carpinteiro.

Onte topáronse na Carpa central para pechar o evento axudados polo áxil Xurxo Souto para comunicar, malia as dificultades do idioma, as súas visións de Siria, a crise dos refuxiados e a resposta de Europa.

Fadile, drusa, que viviu os conflitos bélicos dos setenta que encheron de refuxiados Jaramana, a cidade preto de Damasco na que se criou, e terminou militando nun partido comunista que foi infiltrado pola intelixencia siria e represaliados seus membros coa cárcere, debuxou a guerra en Siria como un choque entre o Islam wahabita (Arabia Saudita) e o Islam chiita (Irán) cruzado co conflito de intereses xeoestratéxicos de Estados Unidos e Rusia. Unha lectura plausible na que a relixión e o capitalismo saen moi mal retratados. Un relato que en Occidente véndese ben.

Ahmad, que pasou polos campos, e sufriu o desencanto en España, mesmo con algunhas ONG que asisten aos refuxiados, pero sobre todo co sistema de rexeitamento no que se converteu na práctica a ausencia de políticas públicas, en calquera nivel da Administración, en prol da acollida, denunciou a simplificación de querer facer do Islam e dos musulmáns a causa de todos os problemas.

Ahmad explicoulle a Fadile que a Siria que ela vive desde aquí ten pouco que ver coa Siria na que el se criou. Díxolle que, digan o que digan as leis, a muller non estaba a ser denigrada e sometida a un abuso patriarcal. Advertiu do perigo das xeneralizacións, as mesmas que as veces levan a persoas con boas intencións a reproducir o discurso das elites do mundo respecto dos musulmáns. Por un momento Ahmad baixou do escenario, mentres Fadile trataba de explicar que aquilo era un malentendido. Non o foi. Sucede acotío en medio mundo. Sucedeu en Acampa, e quizá sexa esta a mellor ensinanza que poida transmitir un evento que pretende conciliar activismos. Haberá que poñerse de acordo e saber para que.

Fadile e Ahmad, con Xurxo Souto o domingo de Acampa (2)


 

Que conflito? Para que Acampa?