Calquera pode votar a través desta ligazón, bit.ly/votaACAMPA2024 ou do QR e formar parte deste aplauso colectivo
Rede Acampa convida á cidadanía a elixir ao candidato ou organización aos que entregar o seu Recoñecemento Internacional á defensa dos DDHH 2024
O prazo de votacións pechará o 31 de marzo. Farase entrega do Recoñecemento Internacional no marco do Encontro Internacional Acampa2024 que se celebrará en xuño na Coruña centrado na Infancia e a Mocidade Refuxiada.
A Coruña, 6 de marzo de 2024.- Todos eles merecen un sonoro aplauso polo labor que desenvolven na protección dos Dereitos Humanos. Por iso Rede Acampa convoca á cidadanía para sumarse a el, a formar parte, a votar para decidir que dúas candidaturas (internacional e galega) fanse este ano co seu Recoñecemento á defensa dos Dereitos Humanos.
O proceso, que estará aberto ata que finalice este mes de marzo, é moi sinxelo. Só hai que seguir esta ligazón bit.ly/votaACAMPA2024 e elixir entre as candidaturas en cada unha das categorías. Tamén a través do QR adxunto.
Este ano, as organizacións, colectivos e particulares que integran Rede Acampa propuxeron ao IV Recoñecemento Acampa pola Paz seis candidaturas na categoría internacional e tres no ámbito de Galicia.
As do ámbito internacional son:
Greta Thunberg. Polo seu liderado na defensa do planeta, simbolizando nela a defensa de todos aqueles nenos aos que a crise climática está a converter en refuxiados, ás vítimas do espolio de recursos, aos que ven como a suba do nivel da mar arrasa as súas aldeas; nela están representados aqueles que enferman polo uso de pesticidas ou que perden o seu hábitat natural por cultivos intensivos que esnaquizan e invaden a súa contorna vital.
UNRWA, a Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados Palestinos; Polo seu traballo durante sete décadas atendendo ás persoas refuxiadas palestinas e, en especial, polo crucial papel que están xogado no último ataque de Israel sobre Gaza, que desde o pasado 7 de outubro vén arrasando a Franxa e devastando cidades e pobos, asasinando e ferindo a boa parte da súa poboación civil.
Wael Al-Dahdouh, xornalista palestino xefe da oficina de Al Jazeera en Gaza. Por contar ao mundo, pese ao altísimo custo persoal, o que está a acontecer en Gaza. O seu compromiso profesional é tan sobrecolledor como a súa resiliencia, sen soltar o micrófono a pesar de que boa parte da súa familia morreu en distintos ataques israelitas. En todo ese tempo, non deixou de traballar e denunciar diante do mundo a barbarie xenocida que está a executar Israel en Gaza.
Haydée Castillo, histórica activista e defensora dos Dereitos Humanos de Nicaragua. Desde 2018 é exiliada política en Estados Unidos e desde febreiro de 2023 desposuída da súa nacionalidade polo goberno de Daniel Ortega, quen tamén confiscou os seus bens. A pesar de todas as dificultades, Castillo segue documentando sen descanso a vulneración dos DDHH no seu país.
Bisan Owda é unha das voces que está a retransmitir en directo o xenocidio que está a vivir o seu pobo en Gaza, Palestina. Cineasta e xornalista palestina moi coñecida polos seus vídeos nas redes sociais cos que documenta os actuais ataques de Israel sobre Gaza.
Médicos Sen Fronteiras. ONG que traballa na atención da poboación civil vulnerable nos puntos máis dispares do planeta. Candidata pola especial cobertura e permanencia actual na Franxa de Gaza, á beira do pobo palestino, baixo as bombas e o asedio xenocida israelita. Os seus profesionais dan o mellor exemplo ao mundo da importancia de defender os DDHH e á sociedade civil nos conflitos.
As que optan á categoría Galicia son:
AGA-Ucraína, asociación creada en Galicia por mor do conflito en Ucraína para dar cobertura aos civís que escapan da guerra iniciada por Rusia contra o seu país. Desde entón, trata de dar resposta inmediata ás necesidades da poboación desprazada.
Manuel Martín, portavoz da plataforma SOSSanidade Pública de Galicia e presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública. Polo seu compromiso coa sanidade pública e a súa defensa da atención primaria como o elo imprescindible para un bo funcionamento do sistema sanitario.
Fundación Secretariado Gitano. A FSG desenvolve todo tipo de accións que contribúen a alcanzar a plena cidadanía das persoas xitanas, a mellorar as súas condicións de vida, a promover a igualdade de trato e a evitar toda forma de discriminación, así como a reivindicar o recoñecemento da identidade cultural da comunidade xitana.
O prazo de votación abriuse o un de marzo e poderase exercer o voto en liña ao longo de todo o mes. Desde o equipo de coordinación do Movemento Acampa, agradecen a complicidade dos integrantes da rede e o seu compromiso e resposta á hora de presentar candidaturas, convidando á cidadanía comprometida cos DDHH a votar.
Como nas edicións anteriores, a entrega oficial do Recoñecemento Internacional Acampa á defensa dos Dereitos Humanos terá lugar no marco do Encontro Internacional Acampa pola Paz que se celebrará na Coruña entre o 7 e o 9 de xuño deste ano e que virará ao redor da “Infancia e a Mocidade Refuxiada”.