Violencia de xénero

Vela-luz clama diante do silencio dos partidos despois de dúas semanas en Sol

As activistas denuncian unha agresión de simpatizantes de Podemos durante a concentración do sábado en Madrid.

Vela-luz clama diante do silencio dos partidos despois de dúas semanas en Sol
Tres activistas de Vela-luz na Puerta do Sol a semana pasada
Tres activistas de Vela-luz na Puerta do Sol a semana pasada.

Vela-luz, as mulleres que protestan na Puerta del Sol de Madrid desde o 6 de maio para que se recoñezan determinados dereitos ás vítimas e se modifiquen aspectos da lei contra a violencia de xénero, dispón de permiso do concello de Madrid até o 5 de xuño para continuar na praza. As activistas levan a cabo unhas xornadas de xaxún para que o goberno e os partidos políticos se comprometan cun catálogo de 25 medidas que xa propuxeran durante a folga de fame de febreiro pasado. 

Non houbo avances nestas dúas semanas. Nos contactos informais que Vela-luz mantivo con representantes do Goberno para recordarlles a existencia dun acordo en marzo para a constitución dunha mesa interministerial á que se sentarían as organizacións de vítimas, advertíronlles que tal acordo “foi unha iniciativa persoal de Mario Garcés” (o secretario de Estado de Igualdade).

“É incríbel que deixen en mal lugar a un secretario de Estado”, lamenta Gloria Vázquez, a presidenta de Vela-luz, por teléfono desde a acampada que manteñen en Sol. Precisamente decidiran volver a Madrid ante o incumprimento do acordo que agora o Goberno mesmo nega que existira. “Por iso a semana anterior iniciamos unha campaña nas redes pedindo a dimisión da Ministra de Igualdad, Dolors Montserrat”, explica Vázquez.

Protesta de Vela luz en Sol o pasado sábado

Enfrontamento con Podemos

Pero ademais do Goberno, Vela-luz mantén outra fronte aberta. Con Podemos, cos que debían compartir praza o sábado. Os problemas empezaron cando o Ayuntamiento de Madrid púxolles obstáculos para prorrogar a súa acampada na praza ante o inminente acto de Podemos deste último sábado. A última hora conseguiron o permiso. Pero despois, segundo denuncian, Podemos tratou de “silencialas” na xornada do sábado. “Espetaron torres e megafonía, e tamén o bus, onde estabamos nós. Quixeron apropiarse da praza. Os problemas veñen de antes, porque en Galiza recibimos denuncias de acoso dentro de Podemos e solicitamos unha resposta da formación que nunca se produciu”, di Vázquez. “O sábado pola tarde”, prosigue o seu relato, “houbo momentos tensos e mesmo fun agredida e teño o parte de lesións por un simpatizante de Podemos. Empezaron a berrarnos e a encerrarnos. Unha compañeira recibiu un golpe nas costas, eu unha labazada. Andaba por alí un deputado deles tratando de calmar a cousa, despois viñeron desculparse, pero nós non aceptamos desculpas de violentos”.


 

Vela-luz clama diante do silencio dos partidos despois de dúas semanas en Sol